REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

24/12/14

Nunca choveu ( que non escampara )


Non queremos rematar o ano sen parabenizar a outros colectivos que tamén programan en Viveiro actividades ao longo de todo o ano. Desta volta o colectivo que escollemos para representar o activismo sociocultural en Viveiro  é a asociación de mulleres "Fraga das Saímas" da parroquia viveiresa de Santo Adré de Boimente.
Parabéns para Flor Chao,  a súa presidenta  e para todas as persoas asociadas a este colectivo.
E como agasallo ás persoas que seguen o noso Blogue, ofrecémoslles esta peza do CD "Bolboreta" de Lydia Botana, quen por certo actuou hai uns días na VII Festa de Nadal que organizou "Fraga das Saímas".
Que vos preste!

15/12/14

O mércores 17: sesión de cine


Ciclo de Cine "DIRIXIDO POR..."
Ignacio Vilar
"Pradolongo" (2012)

Mércores 17 de decembro de 2014
20:30 horas.
Salón de Actos do I.E.S. María Sarmiento

Entrada libre até completar o aforo.

11/12/14

"DIRIXIDO POR...Ignacio Vilar" o 17 de decembro


O Colectivo pon o ramo á programación do ano 2014 coa terceira sesión do ciclo de cine "Dirixido por..." A proxección será, como sempre no salón de actos do IES María Sarmiento o mércores 17 de decembro, ás 20:30 horas.

O director seleccionado para esta proxección é Xosé Ignacio Vilar Díaz (Petín de Valdeorras ,Ourense, 1951)   

Ignacio, productor e director, fundou en 1991 a productora Vía Láctea Filmes coa que levou a cabo diversas curtametraxes, e proxectos de longametraxes. Sen embargo, destaca polo seu labor documentalista en soporte vídeo (“Polisóns”, “A aldea”). Comezara a súa carreira como montador en Barcelona, cidade na que tamén foi profesor de cine a primeiros dos 80, na obra social da Caixa de Pensións de Cataluña. Desde 1983 traballa en Galicia. Ten desenvolvido tamén labores de guionista e realizador.

Premios e recoñecementos:
Gañou en 1989 o Premio Carlos Velo para guións de longametraxe, convocado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A súa obra “Polisóns” recibiu o Premio “Lobo de Cinema” ó mellor documental (A Coruña, 2001).

FILMOGRAFÍA

Ademais de A esmorga, o seu último traballo:

·         Vilamor (2012)
·         Pradolongo (2007)
·         Sempre Xonxa en Petín (2005)
·         Un bosque de música (2003)
·         Ilegal (2002)
·         A aldea: o antigo e o novo (2000)
·         Disonancias (2000)
·         Pintores da vangarda histórica galega(2000)
·         Vangarda histórica galega: Colmeiro(2000)
·         Polisóns (1999)
·         O cambio (2) (1997)
·         Edipo e Techné (1997)
·         Natureza (1997)
·         ¡Aproba! (1995)













10/12/14

"A ESMORGA" de Ignacio Vilar

Hai pouco tempo Viveiro perdeu as únicas salas de cine comercial. Pecharon e seica non volverán abrir. O peche case coincide coa estrea da película de Ignacio Vilar, "A esmorga" que segundo os medios de comunicación está tendo moi boa acollida por parte do público galego.
O noso Colectivo segue coa programación do ciclo de cine "Dirixido por...". Gostaríanos programar a proxección da última película de Ignacio Vilar, mais polo momento non vai ser posíbel.
Mentras tanto agasallámosvos co "Documentario da rodaxe de A ESMORGA".

07/12/14

ENGAIOLARTE presenta en Viveiro...



Organizada pola Editorial "Engaiolarte" teremos en Viveiro a  presentación dun libro que, polo anunciado, será ben distinta ao que vén sendo habitual nestes actos. Ademáis de Xan Carballa en representación da editorial e do autor dos textos, Lois Diéguez, participarán nesta presentación seis lectores lendo pequenos textos de "LUGO a cidade dos tesouros encantados".
Tamén se proxectará o vídeo do que hoxe vos ofrecemos un adianto.


25/11/14

22/11/14

Felipe Senén pechará as Xornadas sobre Lingua e Cultura





O vindeiro xoves 27  o arqueólogo e escritor Felipe Senén pechará as Xornadas sobre  Lingua e Cultura que se veñen celebrando  ao longo deste mes de novembro dentro da  programación do  noso Colectivo.

Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago. Entre os anos 1975 e 1996 foi director do Museo Arqueolóxico da Coruña. Desde 1996 é Técnico de Xestión Cultural e Museólogo da Deputación da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e do Instituto J. Cornide de Estudios Coruñeses. Tamén pertence ao Instituto Pai Sarmiento de Estudios Galegos e á Comisión de Patrimonio Cultural do Consello da Cultura Galega.
Fundador e presidente de "Amigos dos Museos de Galicia". Realizou cen proxectos e realizacións para a valoración do patrimonio cultural da provincia da Coruña. É conferenciante sobre temas de arte e etnografía por toda Europa e América. É autor de  múltiples publicacións sobre simboloxía, arte e arqueoloxía.
O relatorio de Felipe Senén titulado “Cultura galega: o estado da cuestión”  dará comezo ás 20:30 horas, na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal  de Viveiro, na Praza Maior. A entrada é libre até completar o aforo do local.

16/11/14

LOIS DIÉGUEZ: o uso do galego desde a perspectiva dun escritor


                                Fotografía: "LA OPINIÓN" (A Coruña)
O terceiro dos relatorios das “Xornadas sobre Lingua e Cultura” que se están a desenvolver en Viveiro organizadas polo Colectivo Pensamento e Sementeira estará a cargo do escritor Lois Diéguez Vázquez.
O escritor monfortino, colaborador de xornais e revistas, presidente da asociación Lugo-Patrimonio é un activo conferenciante e tamén un inquedo viaxeiro por paises de África, Europa e Asia. Da súa ampla obra literaria destacamos en narrativa, A canción do vagamundo (1986), Monólogos do espello (1993), Viaxe ás terras encantadas de Lemos (1999), A casa de Galiaz (2003), O canto do Muecín (2007), A poutada do oso (2011) ou a última das súas publicacións Lugo, a cidade dos tesouros encantados.
En poesía Albre de espranza (1996), O ferrro dos días (1982) ou Ónfalos (2001).
Lois Diéguez falará o xoves 20 de novembro do uso da lingua galega desde a perspectiva dun escritor. O relatorio dará comezo ás 20:30 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro. A entrada ao acto é libre até completar o aforo da sala.

A cantautora SES nas XORNADAS SOBRE LINGUA E CULTURA





                            Fotografías: A Ribeira Dixital
A cantautora SES participou como relatora nas XORNADAS SOBRE LINGUA E CULTURA que se están a desenvolver durante o mes de novembro na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.
SES falou, provocou un animado coloquio  e tamén cantou acompañada pola súa guitarra. Como remate as persoas que encheron a sala tamén a acompañaron cantando "Labregha berghantiñana"-

11/11/14

SES intervén nas XORNADAS SOBRE LINGUA E CULTURA





Seguen as Xornadas sobre Lingua e Cultura que abriu en Viveiro a semana pasada o profesor e escritor Carlos Callón. Este xoves 13 de novembro   a cantautora Mª Xosé Silvar, máis coñecida como SES, intervirá na segunda sesión das Xornadas que están  organizadas polo colectivo Pensamento e sementeira.
Comezou a súa formación no baile e na música tradicional galega. Ademais diso, é mestra e licenciada en filoloxía galega e antropoloxía social.
Foi no ano 2007 cando creou o grupo “Chámalle Xis!” xunto con outros tres amigos. Foron un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son apadriñado por Santiago Auseron. Despois de máis de 30 concertos por toda Galiza con “ Chámalle Xis!” e logo de colaborar con grupos e artistas coma Zënzar, Xabier Díaz, Xosé Bocixa e Guillerme Fernández, en 2010 Sés gravou unha maqueta con tres temas “Tola atrás de ti”, “Admirando a condición” e “Se te vas”, producida por Airapro. En marzo de 2011 gravou o seu primeiro álbum de estudo chamado “Admirando a condición” e en 2013 presentou o segundo álbum “Co xenio destrozado”.  Esta cantautora ten actuado en varias ocasións na comarca e tamén en Viveiro.
Mª Xosé Silvar, SES, será a encargada do segundo dos relatorios destas Xornadas e falará sobre a súa experiencia como cantautora en galego,  e en feminino, con “letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario”
A intervención de SES dará comezo ás 20:30 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior. A entrada é libre até completar o aforo..

01/11/14

Xornadas sobre Lingua e Cultura

CALLÓN, SES, DIÉGUEZ E FELIPE SENEN PARTICIPARÁN EN VIVEIRO NAS XORNADAS SOBRE LINGUA E CULTURA
O vindeiro xoves día 6 de novembro o profesor, escritor Carlos Callón abrirá en Viveiro as Xornadas sobre Lingua e Cultura que organiza o noso Colectivo.

Os relatorios terán lugar na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro, na Praza Maior e darán comezo ás 20:30 horas. Nos seguintes xoves do mes de novembro intervirán tamén: a cantautora Mª  Xosé Silvar, SES; o escritor Lois Diéguez e pechará estas xornadas o museólogo e escritor Felipe Senén.

Carlos Callón, (Ribeira, 1978). Escritor, profesor e activista.

Profesor de Lingua e Literatura Galega en secundaria e pesquisador sobre sociolingüística e literatura, materias sobre as cales é un prolífico conferencista.

Entre os varios libros que publicou salientan os títulos Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011, premio Redelibros ), Amigos e sodomitas (2011, premio Vicente Risco e premio Fervenzas Literarias) e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012).

É presidente de Honra da Mesa pola Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza), entidade que presidiu entre 2002 e 2014. 

COIRA FALA DE "18 COMIDAS"


24/10/14

CONVIDÁMOLOS A "18 COMIDAS"...



Seguimos co ciclo e este mércores 29 de outubro convidámolos a "18 comidas", a película que J. Coira nos trae a Viveiro.



“18 comidas” trata dun músico da rúa que reencontra o amor da súa vida; dous borrachos almorzan cubatas con marisco; un home cociña, cociña e cociña para a muller que nunca chega; dous homes quérense mais agóchanse;  una cociñeira soña con ser cantante… Todas estas historias cruzanse ao longo dun día de ficción en “18 comidas”.

Jorge Coira, nacido en Rábade (Lugo), comezou a súa carreira profesional a finais dos 90.
A súa formación, fundamentalmente autodidacta, complementouse coa asistencia a cursos e obradoiros con profesores como Michael Radford, Víctor Erice, Allan Starski, Béatrice Caufman, Robert Lovenheim, Víctor Duplá  e Mariano Barroso, ademais de participar na primira edición do Berlinale Talent Campus.
A súa experiencia inclúe cine, televisión, vídeocreación e teatro.
No terreo do cine, tralos comezos en curtametraxes entre as que destacan Mofa e Befa en Gran Liquidación e O Matachín (esta última cun bo percorrido de festivais e premios internacionais), en 2004 estreou a súa primeira longametraxe: O Ano da Carracha.
En televisión, ademais do seu labor en publicidade y videoclips, o seu traballo centrouse na dirección de series, participando en series como Terra de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares e, recentemente, Luci (unha das primeiras series españolas en ser vendida para a súa versión nos E.E.U.U.); así como a tv-movie Entre Bateas. E desde 2007, dirixe con frecuencia series de ámbito nacional como El Comisario, RIS, Piratas ou Pelotas.
Outro dos terreos nos que máis traballou é o documental, onde destacan os documentais de creación ¿Qué Culpa Tiene el Tomate? (estreado no MoMA en Nova York en 2009), ou  Días de Reparto, ademais de traballos televisivos como Chunda Chunda.

Noite de curtas



O pasado mércores tivemos unha intensa noite de curtametraxes. O cineasta Xacio Baño sorprendeunos con cinco das súas obras. Bo comezo para o ciclo de cine "Dirixido por..." Na foto, feita pola nosa compañeira Ana Mejuto co seu teléfono móbil, pode apreciarse parte do público asistente. Arredor de cincuenta amadores e amadoras do cine que non se asustan cos derrubes do antigo Cine Orfeo--que botaron abaixo ese mesmo día--nen co peche dos Multicines A Mariña. ( E nós, tan cuidados@s que programabamos as sesións de cine para os mércores por ser este o día de descanso nas tres salas de A Misericordia! ).
Grazas Xacio pola túa contribución ao noso ciclo. Grazas pola túa "relación de acordes", pola túa visión estereoscópica,  polos teus "anacos", por estar entre o lóstrego e o trono, por "ser e voltar". A túa avoa non leva razón. Sabemos que vai ser de ti. Grazas por te dedicares ao cinema.

17/10/14

XACIO BAÑO ABRE O CICLO DE CINE "DIRIXIDO POR..."


O mércores 22 de outubro Xacio Baño abre o ciclo de cine "Dirixido por...". Será ás 20.30 horas, no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro. A entrada, é libre até completar o aforo.

O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA achegará a Viveiro directores e directoras de cine para que presenten a súa obra e participen nun coloquio posterior co público asistente.

O primeiro dos directores que intervirán é Xacio Baño.



Xacio naceu  en Xove , en 1983. Estuda Cinematografía na Universidade de León, especialidade en Montaxe. Despois de colaborar en todo tipo de curtametraxes, documentais, formatos, etc., desempeñando sobre todo tarefas de edición e postprodución, decide dar  o  paso á dirección.

As obras de Xacio Baño obtiveron  varios premios: ALCINE (Sección Oficial, por Anacos), Curtocircuito (Mellor Curtametraxe, por Estereoscopía), Festival de Cans, (Mellor Curtametraxe por Estereoscopía), Festival de Málaga, (Sección Oficial – Cortos por Estereoscopía), Toulouse Cinespaña,  (Sección Oficial – Cortos por Estereoscopía)…

Máis recentemente, o prestixioso Festival Internacional de Cinema de Locarno, un dos eventos que califican para os Oscar, contou con presenza galega. A curta de non ficción Ser e voltar, de Xacio Baño—que tamén veremos en Viveiro--proxectouse no marco da sección Pardo di Domani. A curta de Baño amosa as tentativas do propio director de explicarlle aos seus avós en qué consiste o seu traballo no cinema.

Agardámosvos pois o mércores 22 no salón de actos do IES María Sarmiento para achegarnos ao cine da man do director Xacio Baño.

26/05/14

"Por ceibar a voz" no Teatro Pastor Diaz

Desde hai uns meses as asociacións culturais da comarca vimos desenvolvendo actividades para homenaxear ao músico  Miro Casabella. O pasado 25 de abril foi  a vila de Ribadeo a que acolleu o primeiro dos concertos “Por ceibar a voz” e agora o nos Colectivo organiza en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, o segundo dos concertos de homenaxe ao músico do Valadouro.

 Será o vindeiro 7 de xuño, ás oito e media da tarde e nel intervirán, ademais de Miro Casabellabella o cantautor guardés Tino Baz, a Coral Polifónica Alborada, David Bellas e músicos do Conservatorio Profesional de Viveiro.



18/05/14

Xa facemos parte da Federación de Cineclubes

A Asemblea da Federación de Cineclubes de Galiza celebrada a principios deste mes de maio admitiu a nosa solicitude para facer parte da Federación.
Así que agora, xa como membros activos desta Federación, programaremos máis actividades de Cineclube.
Terémosvos informados.

10/03/14

Venres 14 de marzo, ás 8 da tarde...

...e non ás 20:30 horas como tiñamos informado anteriormente.
A entrada é libre até completar o aforo.


06/03/14

"Por que se incrementa o recibo da luz? "

Continuando coa Programación de Inverno o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA organiza o vindeiro 14 de marzo un acto informativo baixo o título"Por que se incrementa o recibo da luz? ".
O acto, que estará a cargo do economista Adrián Dios Vicente, ( Serra de Outes, 1989 ), Licenciado en Economía pla USC e Mestre en Desenvolvemento Económico e Innovación. autor dunha tese doutoral sobre o sistema eléctrico, terá lugar na Sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro o venres 14 de marzo ás 20:30 horas.
A entrada a este acto público é libre até completar o aforo da sala.
Por outra banda o colectivo viveirés informa que segue aberta a exposición 
" Casares. luces e sombras", do fotógrafo Pepe Ventureira ,que pode verse na Sala da Biblioteca Municipal, na Praza Maior de Viveiro, durante a primeira quincena do mes de marzo, de 19 a 20:30 horas, os días laborabeis.




28/02/14

CASARES, LUCES E SOMBRAS

Casares, luces e sombras é o título da exposición de fotografías coa que nos agasalla Pepe Ventureira.
Estará aberta durante a primeira quincena de marzo na Sala da planta baixa da Biblioteca Municipal.

24/02/14

O Recital ( Resumo fotográfico )



Vén de rematar o Recital Viveiro con Rosalía. O acto iniciouse coa música do Grupo de Corda do Conservatorio, dirixido polo profesor Cabalar. 


Seguiu unha pequena presentación onde se deu lectura ao Manifesto do Día de Rosalía.




O capitán Pino, non puido estar presente. A esa hora gobernaba o seu barco, mais a través do vídeo chegounos a poesía de Rosalía.



A nena máis aplaudida: Carme Chaves, alumna de Primaria no Colexio de Covas.




Marta Fra, monitora de natación, leu a Rosalía desde a Piscina Municipal.


A xornalista Mar García deleitounos con Campanas de Bastabales.


María do Mar ( Tecín soia a miña tea... ) e María Pal  ( Sen niño ) , no ensaio xeral.




Daniel Noriega recitounos Roxiña cal sol dourado.



O adestrador de fútbol Guillerme Pigueiras, lendo no Campo do Cembedo.


Mar García, María Xosé Penso, Ánxel Vázquez e Paco Chao, entre o público.




Ánxeles Lago, recitou Unha vez tiven un cravo.



Delio Represas, músico, despois de ler  Un repoludo gaiteiro.



E...o cazador, cazado: Abella Albo, do que agardamos o vídeo do Recital.



( Fotografías de Antonio Masafret )

14/02/14

UN RECITAL CON ACOMPAÑAMENTO MUSICAL






Como xa tiñamos anunciado o colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA conmemorará o Día de Rosalía en Viveiro, o luns 24 de febreiro, contando coa colaboración de persoas de distintas idades e profesións que recitarán poemas da escritora.
Intervirán: Daniel F. Noriega ( empresario ), María do Mar García ( empregada ), Paco Chao
( comerciante ), Delio Represas ( músico ), María Pal ( camareira ), Guillermo Pigueiras
( adestrador de fútbol ), Mª Ánxeles Lago ( xubilada ), Marta Fra ( monitora de natación ), Carme Chaves ( estudante de E.Primaria ),  Mª Xosé Penso ( empregada do Concello ), Mar García ( xornalista ), Ánxel V. Iglesias ( comerciante ) e J. Pino ( capitán de pesca ).
O recital, que contará con acompañamento musical en directo e cunha proxección audio visual, dará comezo ás 20:30 horas, no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.

11/02/14

O MAR DESCOBRE MÁIS RESTOS ...



Os últimos temporais están a descubrir novos restos arqueolóxicos na praia de Area. Apareceron un posíbel morteiro, novos muros ao sul da área onde se fixeron as catas arqueolóxicas, anacos de tellas e cerámica...
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA comunicou a existencia destes restos ao Servizos de Arqueoloxía da Xunta e á alcaldesa de Viveiro para que tomen as medidas oportunas e eviten o espolio do xacemento que  está  deficientemente protexido e totalmente abandonado.



03/02/14

VIVEIRO CON ROSALÍA





UNHA DUCIA DE VIVEIRESES RECITARÁN A ROSALÍA O DÍA 24 DE FEBREIRO


O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA está a organizar un acto de homenaxe a Rosalía de Castro que consistirá na lectura pública de poemas no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Este recital estará protagonizado por unha ducia de veciñas e veciños de Viveiro e vaise celebrar o luns 24 de febreiro coincidindo co Día de Rosalía. O colectivo viveirés animou a unha ducia de conveciños, de distintas profesións e procedencias a participar neste acto público. Así, neste recital intervirán, empresarios, comerciantes, mariñeiros, músicos, xubilados, empregadas da hostelaría, ou xornalistas.

O acto que dará comezo ás oito e media da tarde, desenvolverase no salón do Conservatorio profesional de Música de Viveiro e contará probabelmente  con unha actuación musical.

31/01/14

DEBATE: ARREDOR DO DEPORTE








O  sábado 1 de febreiro de 2014 temos organizado un debate “ARREDOR DO DEPORTE”.
Dará comezo ás 6 da tarde na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior en el intervirán:

-Omar González ( Adestrador. Centro Galego de Tecnificación  Deportiva)
-Carlos Gueimunde ( Concelleiro de Deportes. Viveiro )
-Manuel Otero ( Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galiza )
-Francisco Villanueva ( Presidente da Federación Galega de Triatlón )
O moderador será Matías Nicienza ( Radio Burela

Pretendemos con este debate coñecer de primeira man as dificultades que teñen os equipos de base, as escolas deportivas, os clubes de atletismo... á hora de acceder ás subvencións das institucións, tamén avaliar a rede de infraestruturas existentes no concello para practicar deporte... e todas as cuestións que o público  participante nesta actividade propoña.

Xunta Directiva do
Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA