REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

24/10/14

CONVIDÁMOLOS A "18 COMIDAS"...



Seguimos co ciclo e este mércores 29 de outubro convidámolos a "18 comidas", a película que J. Coira nos trae a Viveiro.



“18 comidas” trata dun músico da rúa que reencontra o amor da súa vida; dous borrachos almorzan cubatas con marisco; un home cociña, cociña e cociña para a muller que nunca chega; dous homes quérense mais agóchanse;  una cociñeira soña con ser cantante… Todas estas historias cruzanse ao longo dun día de ficción en “18 comidas”.

Jorge Coira, nacido en Rábade (Lugo), comezou a súa carreira profesional a finais dos 90.
A súa formación, fundamentalmente autodidacta, complementouse coa asistencia a cursos e obradoiros con profesores como Michael Radford, Víctor Erice, Allan Starski, Béatrice Caufman, Robert Lovenheim, Víctor Duplá  e Mariano Barroso, ademais de participar na primira edición do Berlinale Talent Campus.
A súa experiencia inclúe cine, televisión, vídeocreación e teatro.
No terreo do cine, tralos comezos en curtametraxes entre as que destacan Mofa e Befa en Gran Liquidación e O Matachín (esta última cun bo percorrido de festivais e premios internacionais), en 2004 estreou a súa primeira longametraxe: O Ano da Carracha.
En televisión, ademais do seu labor en publicidade y videoclips, o seu traballo centrouse na dirección de series, participando en series como Terra de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares e, recentemente, Luci (unha das primeiras series españolas en ser vendida para a súa versión nos E.E.U.U.); así como a tv-movie Entre Bateas. E desde 2007, dirixe con frecuencia series de ámbito nacional como El Comisario, RIS, Piratas ou Pelotas.
Outro dos terreos nos que máis traballou é o documental, onde destacan os documentais de creación ¿Qué Culpa Tiene el Tomate? (estreado no MoMA en Nova York en 2009), ou  Días de Reparto, ademais de traballos televisivos como Chunda Chunda.

Noite de curtas



O pasado mércores tivemos unha intensa noite de curtametraxes. O cineasta Xacio Baño sorprendeunos con cinco das súas obras. Bo comezo para o ciclo de cine "Dirixido por..." Na foto, feita pola nosa compañeira Ana Mejuto co seu teléfono móbil, pode apreciarse parte do público asistente. Arredor de cincuenta amadores e amadoras do cine que non se asustan cos derrubes do antigo Cine Orfeo--que botaron abaixo ese mesmo día--nen co peche dos Multicines A Mariña. ( E nós, tan cuidados@s que programabamos as sesións de cine para os mércores por ser este o día de descanso nas tres salas de A Misericordia! ).
Grazas Xacio pola túa contribución ao noso ciclo. Grazas pola túa "relación de acordes", pola túa visión estereoscópica,  polos teus "anacos", por estar entre o lóstrego e o trono, por "ser e voltar". A túa avoa non leva razón. Sabemos que vai ser de ti. Grazas por te dedicares ao cinema.

17/10/14

XACIO BAÑO ABRE O CICLO DE CINE "DIRIXIDO POR..."


O mércores 22 de outubro Xacio Baño abre o ciclo de cine "Dirixido por...". Será ás 20.30 horas, no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro. A entrada, é libre até completar o aforo.

O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA achegará a Viveiro directores e directoras de cine para que presenten a súa obra e participen nun coloquio posterior co público asistente.

O primeiro dos directores que intervirán é Xacio Baño.



Xacio naceu  en Xove , en 1983. Estuda Cinematografía na Universidade de León, especialidade en Montaxe. Despois de colaborar en todo tipo de curtametraxes, documentais, formatos, etc., desempeñando sobre todo tarefas de edición e postprodución, decide dar  o  paso á dirección.

As obras de Xacio Baño obtiveron  varios premios: ALCINE (Sección Oficial, por Anacos), Curtocircuito (Mellor Curtametraxe, por Estereoscopía), Festival de Cans, (Mellor Curtametraxe por Estereoscopía), Festival de Málaga, (Sección Oficial – Cortos por Estereoscopía), Toulouse Cinespaña,  (Sección Oficial – Cortos por Estereoscopía)…

Máis recentemente, o prestixioso Festival Internacional de Cinema de Locarno, un dos eventos que califican para os Oscar, contou con presenza galega. A curta de non ficción Ser e voltar, de Xacio Baño—que tamén veremos en Viveiro--proxectouse no marco da sección Pardo di Domani. A curta de Baño amosa as tentativas do propio director de explicarlle aos seus avós en qué consiste o seu traballo no cinema.

Agardámosvos pois o mércores 22 no salón de actos do IES María Sarmiento para achegarnos ao cine da man do director Xacio Baño.