REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

25/02/15

O NOSO PRIMEIRO DEBATE DO ANO


O colectivo organiza o primeiro debate do ano.

PENSAMENTO E SEMENTEIRA convoca un debate arredor das posíbeis intervencións no areal de Covas que terá lugar este venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior.

Os cambios, acentuados agora por efeito das últimas vagas de mar e as transformacións producidas nos  últimos anos no medio, que ocuparon todo o sistema dunar, construíndo espigóns e canalizacións,   deron lugar a escaseza de area e ao desequilibrio da praia.

O porto de Celeiro diminuiu drásticamente a enerxía das ondas do mar que rompen no areal provocando a perda de area no sector occidental que é transportada lonxitudalmente de oeste a este.

Estes cambios e as posíbeis intervencións da Administración no areal  preocupan á veciñanza e é por iso que o colectivo organizador programou este debate ao que se convidou á Xefatura da Demarcación de Costas de Lugo. Como os representates de Costas decidiron  non intervir neste acto o colectivo organizador decidiu solicitar á alcaldesa de Viveiro que informase das propostas que a Demarcación lle ten presentado ao Concello.

No acto pois, ademais de María Loureiro, que o fai en representación do Concello, intervirán as seguintes persoas:

-Andrés Díaz Ferro, capitán de pesca e Práctico do porto de Celeiro.
-Alexandre García, especialista en bioloxía mariña e vogal do Litoral de ADEGA e
-J. Pino, capitán de pesca

O acto contará, ademais, coa proxección de vídeos e fotografías que ilustrarán sobre os cambios sufridos polo areal de Covas.

A entrada é libre até completar o aforo da sala.

21/02/15

"Jenin, Jenin"


“JENIN, JENIN” E “LESH SABREEN ?”




O mércores 25  e dentro do ciclo de cine #Palestina que organiza o nosocolectivo  en colaboración coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, proxectaranse en Viveiro dúas películas máis. Trátase do documental “Jenin, Jenin” e da curtametraxe “Lesh Sabreen ?”.

“Lesh sabreen?”, ( Muayad Alayan, 2009 ) é unha curtametraxe sobre unha xove parella do barrio palestino do oeste de Xerusalén que ten que se enfrentar a problemas económicos, actitudes conservadoras e ás consecuencias da ocupación israelí.

“Jenin, Jenin”,  ( Muhammad Bakri, 2002 ), espertou unha tormenta en Israel e até chegou ao Tribunal Supremo que tomou a decisión de prohibir a súa estrea. A película trata dos feitos de jenin en abril de 2002, cando o exército israelí invadiu o pobo de Cisxordania e o campo de refugiados como parte da chamada “Operación Escudo Defensivo”.

As proxeccións darán comezo ás 20 horas no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro.
A entrada é libre até completar o aforo da sala.



14/02/15

DEBATE ARREDOR DOS CAMBIOS NO AREAL DE COVAS


O  noso colectivo  xa ten data para a celebración do debate arredor do estado actual do areal de Covas. Será o venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas, na sala da Biblioteca Municipal de Viveiro, na Praza Maior.

 A modificación que está a sufrir o areal é motivo de preocupación para  a veciñanza. É por iso que PENSAMENTO E SEMENTEIRA organiza este debate no que intervirán as seguintes persoas:

-Alexandre García, biólogo.
-Andrés Díaz Ferro, práctico do porto de Celeiro.
-J. Pino, capitán de pesca.
-Tamén se cursou un convite para participar no debate á Demarcación de Costas de Lugo .

O acto será público , con entrada libre até completar o aforo da sala.

10/02/15

"GAZA-LONDRES" e "ESTA É A MIÑA TERRA, HEBRÓN"



Lembramos que este mércores 11 proxectaremos no IES María Sarmiento de Viveiro 2 películas máis do ciclo de cine #PALESTINA.

Ás 8 proxectarase, “GAZA-LONDRES”. É unha curta e dura 14 minutos.

Ás 8:15 dará comezo a proxección do documental  “ESTA É A MIÑA TERRA, HEBRÓN” (“This is my land, Hebron”). (72 minutos)

A entrada é de balde.

07/02/15

"ESTA É AMIÑA TERRA, HEBRÓN"




O documental “Esta é a miña terra, Hebrón” (“This is my land Hebron”,  Italia, 2010) de  Giulia Amati e Stephen Natanson e a curta “Gaza-Londres” de Dima Hamdam, (Reino Unido, 2009) serán as películas que se proxectarán en Viveiro na segunda sesión do ciclo # PALESTINA o vindeiro mércores 11 de febreiro. Esta mostra de cine, organizada polo noso Colectivo  patrocinado pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, vén desenvolvéndose  no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro, ás 20 horas, sendo a entrada libre até completar o aforo.  

O documental de  Giulia Amati e Stephen Natanson presenta a Hebrón, unha cidade de conflito e odio, un dos asentamentos israelís en Cisxordania, o único corazón dunha cidade palestina. O centro da cidade é agora o teatro dunha guerra entre veciños onde os principais obxectivos son conquistar un metro máis de cidade, manter a raia ao inimigo ou simplemente ficar no seu terreo.

Na curtametraxe  de Dima Hamdam, directora  naturalizada xordana aínda que orixinaria dunha familia palestina que foi expulsada de Gaza en 1948, coincidiendo con la fundación del Estado de Israel,  o protagonista Mahmoud está en Londres e a súa nai en Gaza, coincidindo co ataque masivon de 2008 levado  a cabo na Franxa .Desta terceira produción da súa autoría a directora ten Dito que “explica a destrución e a morte que conlevan os conflitos máis alá das noticias e das cifras”.