REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

11/11/18

A batucar !



"O ritmo das “batukadeiras”, ten un pasado ligado á música tradicional que facían os escravos en Cabo Verde. Antes batendo no peito, e agora batendo nunha saca de coiro colocada entre as pernas que recibe o nome de “batuko”.



A integración destes ritmos africanos coa música galega fusiónanse dunha maneira natural, xa que sorprendentemente descubrimos que os seus ritmos ternarios eran moi parecidos aos da xotas galegas, 
e as cancións lembraban ás que cantan as pandeireteiras galegas no tocante a que existe unha “sacadora” á que se lle suma o resto de compañeiras repetindo a mesma frase..."







10/10/18

TERTULIA CON...o pintor Xoán Guerreiro


O pintor Xoán Guerreiro abre a noso Outono Cultural 2018 participando nunha das tertulias programadas por PENSAMENTO E SEMENTEIRA.

O xoves 18 de outubro, ás 20:30 horas, na planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.

05/10/18

Outono Cultural 2018


TERTULIAS, MÚSICA E CINE NA PROGRAMACIÓN DE 

OUTONO DE PENSAMENTO E SEMENTEIRA


O  noso Colectivo  fai  público o programa Outono Cultural 2018 

que dará comezo o xoves 18  de outubro na planta baixa da 

Biblioteca Municipal de Viveiro onde se desenvolverá a primeira  

das Tertulias programadas. Abrirá estas actividades o pintor Xoán 

Guerreiro ao que lle seguirá, na seguinte sesión destas tertulias xa 

no mes de novembro ,a música Ugía Pedreira.







Tamén o colectivo volve a programar neste outono os Xoves 

musicais. Serán no mes de novembro , no Teatro Pastor Días e 

neles actuarán o grupo caboverdiano Batuko Tabanko e o Coro da 

Mariña.






Completará esta programación de outono, que conta coa axuda 

económica da Deputación de Lugo, a proxección de dúas películas  

de temática social: Hippocrate, de Thomas Liti, un achegamento á 

condición laboral da medicina e Pride,  de Mattew Warchus, unha 

historia de dúas comunidades diferentes que se xuntan por unha 

causa común.







Nos vindeiros días iremos concretando polo miúdo esta 

programación.

12/06/18

O DIARIO GALEGO chegou a Viveiro


O DIARIO GALEGO chegou a Viveiro da man de Mónica Pazos, secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística e Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza. 
O acto foi presentado por Xulia Canoura, do noso Colectivo e desenvolveuse na planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.
PENSAMENTO E SEMENTEIRA agradece a asistencia a este acto da veciñanza de Viveiro que se achegou até a Praza Maior de Viveiro para coñecer de primeira man a nova cabeceira en papel que--se todo vai ben--sairá en 2019.


05/06/18

Ti contas




O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA organiza o vindeiro martes día 12 de xuño a presentación pública do DIARIO GALEGO, cabeceira diaria en papel que sairá en 2019.

O acto terá lugar na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro ás 20:30 horas e nel intervirán, ademáis da presentadora Xulia Canoura, do Colectivo organizador, Mónica Pazos, secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística e Xoán Costa, Presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza. 


25/02/18

O 1 de marzo, en Burela


O 1 de marzo voltamos ás rúas de Burela para seguer defendendo a Área Sanitaria da Mariña. O noso Colectivo, que fai parte da Plataforma convocante da manifestación, quer contribuir unha vez máis con esta causa. Somos un colectivo sociocultural que non pode ficar calado mentras se debate a posíbel supresión da Área Sanitaria da Mariña. E somos un Colectivo que desenvolve as súas actividades en Viveiro, un concello que ficaría seriamente prexudicado de se levar adiante a reforma da Lei que se está a debater no Parlamento de Galiza.

Viveiro, ademais, está a aportar moita veciñanza a estas mobilizacións. Foron, como xa se ten informado, cinco autobuses  de Viveiro os que se desprazaron á última manifestación en Compostela o que da idea do traballo feito na nosa localidade polos membros de Somos unha Área-Viveiro que programaron varias actividades de todo tipo--asembleas, concertos musicais, presenza en probas deportivas, bailes reivindicativos...--para manter á veciñanza informada en todo momento.

E agora que se convoca unha nova mobilización--outra volta en Burela--facemos un  chamamento á nosa veciñanza: temos que voltar a Burela, o día 1 de marzo, ás 20 horas e alí manifestar o noso desacordo co que se pretende: a eliminación da Área Sanitaria da Mariña.

Así que xa o sabedes, animade aos vosos familiares, ás amizades, aos conveciños para voltar a Burela o xoves. Alí nos veremos.

01/02/18

Agora toca Compostela



Despois da intensa campaña informativa desenvolvida pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública--organización da que o noso Colectivo fai parte-- e das actividades desenvolvidas en Viveiro convocadas por Somos Unha Área-Viveiro agora toca viaxar a Compostela para nos manifestar.
Así que, a encher os autobuses!. Porque SOMOS UNHA ÁREA.

10/01/18

De San Cibrao a Burela

Como xa sabedes, o noso Colectivo fai parte da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e tamén estamos participando nas actividades que organiza  Somos unha Área-Viveiro. Agora toca rematar este percorrido de Viveiro a Burela participando na terceira das etapa da Caravana pola Sanidade Pública que sairá do Centro Sanitario de San Cibrao para chegar a Burela. Alí xuntarémonos cos autos que veñen de Foz e Ferreira. Tomade nota, pois.
Sábado 13,  ás 11 horas, desde o C. Sanitario de San Cibrao

02/01/18

O xoves 25 de xaneiro: Asembleas Xerais


O xoves 25 de xaneiro o noso Colectivo celebrará dúas Asembleas Xerais: unha, a Ordinaria, onde faremos un resume da nosa actividade ao longo do pasado 2017 e programaremos as vindeiras actividades para este 2018 e outra, a Extraordinaria, onde renovaremos a Xunta Directiva. 
Serán no noso local social, na rúa Irmáns Vilar Ponte, 40, baixo, dreita e darán comezo ás 20 horas.




15/12/17

Caravana pola Sanidade, desde Xove







A segunda etapa da Caravana en defensa da Sanidade Pública sairá da Praza do Concello de Xove ás 11 da mañá e rematará no Centro de Saúde de San Cibrao.

A Plataforma da Mariña animámosvos a participar.

Ás 10.45 horas en Xove!#SomosUnhaÁrea