REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

23/11/18

Arredor do Coro da Mariña

Para coñecer algo máis do Coro da Mariña que vai actuar o vindeiro xoves 29 de novembro no Teatro Pastor Díaz, facendo parte do Outono Cultural 2018 programado polo noso Colectivo, reproducimos unha parte da entrevista realizada por Ramón González Rey no xornaldamarina.com,   o 30 de maio pasado, a Ugia Pedreira, co-directora desta formación musical

"A artista de Vilaronte dirixe o Coro da Mariña, que reúne 30 vocalistas desde Viveiro ata Vegadeo"
Natural da aldea focega de VilaronteUgía Pedreira é unha das vocalistas e autoras máis personais da música popular galega coa súa achega a Chouteira, Nordestinas ou Marful. A artista voltou á comarca coa súa familia e desde hai dous anos dirixe o Coro da Mariña, que xunta 30 cantantes desde Viveiro ata Vegadeo.
P. Como xurdiu o Coro da Mariña?
R. Regresei á Mariña co meu compañeiro, o músico Pierrot Rougier, e coa nosa nena Lua Awel. Vivimos durante una temporada en Rinlo e alí coñecín a belísima escola vella. Unha veciña, Laura, faloume do abandonado reloxio Canseco e de como xurdiu este edificio emblemático de Rinlo. Daquela soubemos que no pobo houbera un coro e foi como un sinal: por que non montar unha formación representativa da costa luguesa e occidente astur, que compartimos a mesma “nube gris” e o mesmo horizonte con prados que caen no mar.
Hai integrantes de case todos os puntos da bisbarra e do Occidente astur.
Si. Contamos cunhas 30 persoas e vén xente desde ViveiroCervoFozVilaronte,BarreirosSan Miguel de ReinanteLugoRibadeo, Vegadeo e tamén de Rinlo. Hai persoas de 40 anos e outras que teñen 80, con diferentes niveis culturais e oficios variados. Hai ex profesores de instituto, unha percebeira, unha enfermeira, unha agricultora, o dono dunha funeraria, unha costureira.

CORO ABERTO

Está aberta a participación a quen queira entrar?
Está aberto a calquera persoa de calquera idade á que lle guste o canto e que sexa o suficientemente paciente e respectuosa para pertencer a un colectivo que ama cantar en xuntanza. O noso arranxista, Pierre, está moi pendiente da capacidade que ten o individuo cara a música e arranxa as voces segundo as súas habilidades. O coro baséase na xestualidade e expresión natural dos integrantes do grupo, poñemos en valor a diferenza como parte da súa forza. A enerxía que produce ten máis que ver co rock que coa polifónica de vila.

REPERTORIO

O repertorio do coro é variado, pero de temática mariñeira.
Cantamos desde ‘Llévame hasta el mar‘ do falecido Manolo Tena ata ‘Serpientes de mar‘ de Silvio Rodríguez. Tamén unha peza dos Beach Boys, a canción cantábrica ‘Chalaneiro’, unha versión galega de ‘Viento del norte‘, de Nando Agüeros, que cantou esta mesma interpretación no ‘Luar’, ‘Alfonsina y el mar‘…
Como activista da música, como ve a súa saúde na Mariña?
En todas as terras do mundo hai unha música popular que identifica o territorio. Aquí, a música tradicional de pandeireta ou gaita non foi raíña. Pero si hai interesante pouso de repertorio de ida e volta americano, de música portuaria, ao ser zona de transición tamén ese feedback coa tonada asturiana adaptada ao modo galego, composición de autores descoñecidos, música dos bailes, rondallas… Hoxe cos medios de comunicación de masas, todo vén dado e pagado e hai que saber buscar apara atopar de improviso a naturalidade da música. Creo que se abandona o rural. Faltan proxectos enraizados no rural enfocados no ben común, que creen comunidade e habiliten espazos de xuntanza.

16/11/18

O 29 de novembro, outro XOVES MUSICAL

Seguimos coas actividades deste Outono Cultural.

E despois da actuación das mulleres de Batuko Tabanka agora toca anotar outra data na axenda: xoves 29 de novembro. O Coro da Mariña, dirixido por Pierrot Rougier e Ugia Pedreira, no Teatro Pastor Díaz, ás 20:30 horas.





Grazas Batuko Tabanka !


11/11/18

A batucar !



"O ritmo das “batukadeiras”, ten un pasado ligado á música tradicional que facían os escravos en Cabo Verde. Antes batendo no peito, e agora batendo nunha saca de coiro colocada entre as pernas que recibe o nome de “batuko”.



A integración destes ritmos africanos coa música galega fusiónanse dunha maneira natural, xa que sorprendentemente descubrimos que os seus ritmos ternarios eran moi parecidos aos da xotas galegas, 
e as cancións lembraban ás que cantan as pandeireteiras galegas no tocante a que existe unha “sacadora” á que se lle suma o resto de compañeiras repetindo a mesma frase..."







10/10/18

TERTULIA CON...o pintor Xoán Guerreiro


O pintor Xoán Guerreiro abre a noso Outono Cultural 2018 participando nunha das tertulias programadas por PENSAMENTO E SEMENTEIRA.

O xoves 18 de outubro, ás 20:30 horas, na planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.

05/10/18

Outono Cultural 2018


TERTULIAS, MÚSICA E CINE NA PROGRAMACIÓN DE 

OUTONO DE PENSAMENTO E SEMENTEIRA


O  noso Colectivo  fai  público o programa Outono Cultural 2018 

que dará comezo o xoves 18  de outubro na planta baixa da 

Biblioteca Municipal de Viveiro onde se desenvolverá a primeira  

das Tertulias programadas. Abrirá estas actividades o pintor Xoán 

Guerreiro ao que lle seguirá, na seguinte sesión destas tertulias xa 

no mes de novembro ,a música Ugía Pedreira.







Tamén o colectivo volve a programar neste outono os Xoves 

musicais. Serán no mes de novembro , no Teatro Pastor Días e 

neles actuarán o grupo caboverdiano Batuko Tabanko e o Coro da 

Mariña.






Completará esta programación de outono, que conta coa axuda 

económica da Deputación de Lugo, a proxección de dúas películas  

de temática social: Hippocrate, de Thomas Liti, un achegamento á 

condición laboral da medicina e Pride,  de Mattew Warchus, unha 

historia de dúas comunidades diferentes que se xuntan por unha 

causa común.







Nos vindeiros días iremos concretando polo miúdo esta 

programación.

12/06/18

O DIARIO GALEGO chegou a Viveiro


O DIARIO GALEGO chegou a Viveiro da man de Mónica Pazos, secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística e Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza. 
O acto foi presentado por Xulia Canoura, do noso Colectivo e desenvolveuse na planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.
PENSAMENTO E SEMENTEIRA agradece a asistencia a este acto da veciñanza de Viveiro que se achegou até a Praza Maior de Viveiro para coñecer de primeira man a nova cabeceira en papel que--se todo vai ben--sairá en 2019.


05/06/18

Ti contas




O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA organiza o vindeiro martes día 12 de xuño a presentación pública do DIARIO GALEGO, cabeceira diaria en papel que sairá en 2019.

O acto terá lugar na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro ás 20:30 horas e nel intervirán, ademáis da presentadora Xulia Canoura, do Colectivo organizador, Mónica Pazos, secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística e Xoán Costa, Presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza. 


25/02/18

O 1 de marzo, en Burela


O 1 de marzo voltamos ás rúas de Burela para seguer defendendo a Área Sanitaria da Mariña. O noso Colectivo, que fai parte da Plataforma convocante da manifestación, quer contribuir unha vez máis con esta causa. Somos un colectivo sociocultural que non pode ficar calado mentras se debate a posíbel supresión da Área Sanitaria da Mariña. E somos un Colectivo que desenvolve as súas actividades en Viveiro, un concello que ficaría seriamente prexudicado de se levar adiante a reforma da Lei que se está a debater no Parlamento de Galiza.

Viveiro, ademais, está a aportar moita veciñanza a estas mobilizacións. Foron, como xa se ten informado, cinco autobuses  de Viveiro os que se desprazaron á última manifestación en Compostela o que da idea do traballo feito na nosa localidade polos membros de Somos unha Área-Viveiro que programaron varias actividades de todo tipo--asembleas, concertos musicais, presenza en probas deportivas, bailes reivindicativos...--para manter á veciñanza informada en todo momento.

E agora que se convoca unha nova mobilización--outra volta en Burela--facemos un  chamamento á nosa veciñanza: temos que voltar a Burela, o día 1 de marzo, ás 20 horas e alí manifestar o noso desacordo co que se pretende: a eliminación da Área Sanitaria da Mariña.

Así que xa o sabedes, animade aos vosos familiares, ás amizades, aos conveciños para voltar a Burela o xoves. Alí nos veremos.

01/02/18

Agora toca Compostela



Despois da intensa campaña informativa desenvolvida pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública--organización da que o noso Colectivo fai parte-- e das actividades desenvolvidas en Viveiro convocadas por Somos Unha Área-Viveiro agora toca viaxar a Compostela para nos manifestar.
Así que, a encher os autobuses!. Porque SOMOS UNHA ÁREA.

10/01/18

De San Cibrao a Burela

Como xa sabedes, o noso Colectivo fai parte da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e tamén estamos participando nas actividades que organiza  Somos unha Área-Viveiro. Agora toca rematar este percorrido de Viveiro a Burela participando na terceira das etapa da Caravana pola Sanidade Pública que sairá do Centro Sanitario de San Cibrao para chegar a Burela. Alí xuntarémonos cos autos que veñen de Foz e Ferreira. Tomade nota, pois.
Sábado 13,  ás 11 horas, desde o C. Sanitario de San Cibrao