REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

28/12/13

HOMENAXE A MIRO CASABELLA




O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA vai propor ás asociacións culturais e ás institucións da Mariña a celebración dunha homenaxe ao músico Miro Casabella. Consideramos que o percorrido artístico do compositor e cantante do Valadouro, comprometido desde os anos sesenta coa cultura e co idioma galego, ben merece a gratitude dos mariñaos.

Coa  finalidade de organizar esta homenaxe o noso colectivo convocará nos vindeiros días ás asociacións culturais e veciñais; aos músicos, artistas plásticos e escritores  e a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar no Valadouro o sábado 11 de xaneiro. Tamén  solicitará  apoio económico  aos Concellos e á Deputación xa que, de contar coa cooperación destas institucións, poderían participar músicos cos que Miro Casabella tivo relación ao longo da súa traxectoria artística.

12/12/13

Así nos surprendeu David Bellas


Así nos surprendeu David Bellas.
Hoxe colgamos  aquí os tres pequenos vídeos realizados polo amigo Abella.
Agradecementos a David Bellas, a Sara Otero e á actriz Lara Noriega.
Foron catro "Xoves Músicais", moi variados e con calidade.
Volveremos con máis "xoves musicais" no 2014.




Lara Noriega con David Bellas

David Bellas con Sara Otero

02/12/13

"OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE"


O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA pecha a súa programación de outono con esta representación teatral. Comezamos a nosa actividade de outono o pasado mes de outubro coas proxeccións das películas do festival Amal-2012, seguimos cos "Xoves Musicais" do mes de novembro, informamos sobre a importancia económica da actividade pesqueira en Galiza coa interesante intervención da doutora Mª do Carme García Negro, abrimos a exposición "Represaliados" do pintor Celso Dourado coas músicas de Vadim  Yukhnevich e o sábado 7 de decembro programamos a obra de Alfonso D. Rodíguez Castelao que estará a cargo do grupo "Ollomao" e diirixida por Comba Campoy e Ramón Casas.
Tamén temos que dicer que seguimos a medrar e xa somos máis asociados, que estamos a preparar un local social no casco vello de Viveiro, que andamos ás voltas coa programación do 2014, ( con máis cine, máis debates )...
Terémosvos informados. Mentras tanto, ollo á data: o 7 de decembro..."Os vellos non deben de namorarse".


REPRESALIADOS

Este sábado 30 de novembro abrimos en Viveiro a exposición "REPRESALIADOS" ( Na lembranza do comandante Moreno ), do pintor Celso Dourado. O acto de inauguración terá lugar ás 19 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior e nel, ademais do pintor intervirá o músico bielorruso Vadim Yukhnevich.
A mostra estará aberta ao público na primeira quincena do mes de decembro, de 19  a 20:30 horas.



Agora sabemos algo máis sobre a importancia económica da pesca...

A profesora Mª do Carme García Negro iniciou a súa intervención no acto informativo organizado polo noso Colectivo lembrando a súa colaboración coa antiga agrupación cultural Sementeira, no ano 1976. Pasou despois a fornecernos de datos que explican a importancia económica da actividade pesqueira na nosa comarca e en Galiza. “Ás veces, os datos publicados polos economistas minimizan o  importante impacto que ten a actividade pesqueira no noso país porque non teñen en conta ás mariscadoras, nen aos empregados en terra, nen aos traballadores de piscifactorías…” Destacou o medre económico rexistrado en Celeiro e en Burela “por riba—dixo—de calquer lonxa galega” e destacou que o 65% do PIB galego está nos concellos costeiros de Galiza. Para a investigadora os mariñeiros galegos souberon gardar o recursos, demostraron que saben pescar e que ademais teñen capacidade empresarial e organizativa”
A interesantísima aportación da doutora García Negro provocou entre as persoas asistentes un animado coloquio que serveu de peche a este acto informativo.