REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

19/04/17

Un debate moderado por un xornalista



O venres 21 de abril organizamos un debate sobre a normativa dos plantíos de eucalipto. Un asunto que está de actualidade e que o noso Colectivo escolleu, como noutras ocasións, considerando que vai ser de interese para a veciñanza que se achegue até o salón de actos da Biblioteca Municipal de Viveiro.
O debate vai estar moderado polo xornalista, director de A Mariña-El Progreso, Xavier R. Lombardero. Lombardero naceu na Pontenova en 1967. Licenciado en Xornalismo pola facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, comezou a súa carreira profesional na editorial madrileña Tecnipublicaciones S.A. e traballou para o grupo editorial Walters Kluwer, tamén en Madrid.
En 1993 incorporouse a La Voz de Galicia en Lugo, desempeñando labores de fotógrafo, reporteiro e xefe de Redacción. Foi delegado provincial de La Voz en Ourense e desde o 2005 pertencía á redacción central do xornal en Sabón (Arteixo), onde traballou nas seccións de Reportaxes, Fin de Semana, Apertura e Opinión.
En 1997 publicou Homes do bonito en colaboración con Caixa Galicia. A través dun diario de a bordo e fotografías, plasmou a vida dos mariñeiros de Burela e Celeiro durante dúas mareas en sendas costeiras do bonito, traballo polo que recibiu o premio Xornalismo-Empresa da Fundación CEL. Apaixonado do mundo do mar e a pesca, tamén foi remeiro en distintos clubs, incluíndo a traiñeira do Club de Regatas Perillo, en Oleiros.
Representando a PROMAGAL, asociación de produtores de madeira, estará Ramón Reimunde Noreña. Reimunde, que na súa etapa de profesor exerceu durante uns anos  no Instituto Vilar Ponte de Viveiro, naceu en San Martiño de Mondoñedo (Foz) en 1949, estudou Enxeñaría Naval en Oviedo e Madrid, Náutica na Coruña e Filoloxía en Santiago de Compostela. Foi piloto e capitán da Mariña Mercante, licenciado en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa e colaborou con artigos en xornais como El Progreso e La Voz de Galicia e ten participado en xornadas de ensino e congresos. Autor de ensaios (Ben pode Mondoñedo desde agora. A eséncia popular na obra de Manuel Leiras Pulpeiro, 1998; A costeira, 2006 e O tesouro do Monte, 2014, entre outros).  Foi gañador do XII Premio Literario Ánxel Fole en 1998. Reimunde é propietario forestal nos concellos da Mariña Luguesa de Alfoz, Foz, Cervo e Lourenzá- Posúe aproximadamente 150 ha. de monte en unión coa familiar Reimunde SAT, das que 10 ha. están a piñeiro radiata, 10 a piñeiro de Oregón, 5 a frondosas e o resto a eucalipto globulus. Conta con proxecto de ordenación desde o ano 2002. Desde 2014 é presidente da asuciación de produtores de madeira (PROMAGAL).
Adela Figueroa Panisse ( Lugo, 1948 ), é unha bióloga e escritora galega. Licenciada en Ciencias Biolóxicas pola universidade de Compostela en 1971. Catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti desde 1996, participou na fundación de organizacións como ADEGA da que foi presidenta, a AS-PG e a revista O ensino. Foi tamén voceira de Nunca Máis en Lugo e ten colaborado en diferentes revistas como Cerna ou Enciga, en xornais como El Progreso, La Voz de Galicia, Xornal.com, Vieiros  e A Nosa Terra. Autora de Vento de amor ao mar (2003), Xanela aberta (2009), Memória de pés sem sombra (2017), Madeira de mulher (2011) e Loita contra o lume entre outras obras. Figueroa é na actualidade vogal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza  (ADEGA) e presidenta da Fundación Eira.