REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

09/11/15

Máis de medio cento participamos na camiñada...


A primeira das actividades que o colectivo viveirés PENSAMENTO E SEMENTEIRA realizou dentro da programación de outono resultou todo un éxito. Máis de medio cento de camiñantes participaron na excursión polos acantilados de Loiba o pasado domingo. A rota estivo guiada por membros da Asociación Nordés de O Barqueiro.

05/11/15

O 11 do 11...comeza o ciclo de Cine de Humor



Si. O 11 do 11...mais non ás 11. Será unhas horas antes, ás 20 horas deste segundo mércores de novembro.
O ciclo continuará , tamén os mércores 18 e 25, con dúas películas máis.
Seguiremos informando.

29/10/15

Comeza a andaina...

O domingo día 8 de novembro iniciamos a programación de Outono.
Saímos desde Viveiro ( Oficina de Turismo ), ás 10 da mañá, nun autobús que nos levará até o areal de Esteiro ( O Barqueiro ).
Alí agárdannos os nosos guías, os membros da Asociación NORDÉS.
Voltamos desde Esteiro, ás 17:30 horas., no mesmo autobús, para Viveiro.



27/10/15

Camiñada polos acantilados de Loiba




O domingo 8 de novembro iniciamos as  actividades da Programación de Outono.

A primeira consistirá nunha
 Camiñada polos acantilados de Loiba.

Sairemos de Viveiro ás 10 da mañá nun autobús que  trasladará  ao grupo até o areal de Esteiro, en O Barqueiro
Desde alí, e guiados por membros da Asociación Nordés de O Barqueiro, comezaremos a camiñada polos acantilados de Loiba: os areais de O Picón, Ribeira Grande, Ribeira do Carro, as furnas... todo un percorrido por esta fermosa paraxe. E se cadra sentaremos no famoso "banco" para descansarmos da camiñada.
Se queres participar connosco nesta actividade podes porte en contacto co Colectivo e inscribirte no seguinte enderezo:

pensamentoesementeira@gmail.com 

CAMIÑADA POLOS ACANTILADOS DE LOIBA

domingo 8 de novembro de 2015

10 horas: Saída desde Viveiro ( En autobús )
10:30 horas: Comezo da Camiñada. ( Desde o areal de Esteiro, en OBarqueiro )
14 horas: Descanso para xantar.*
17:30 horas: Saída en autobús para Viveiro.
18 horas: Chegada a Viveiro

Esta actividade organizada polo Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA é libre e gratuita.
Conta coa colaboración do Concello de Viveiro e da Asociación NORDÉS ( O Barqueiro )
* As persoas que queiran xantar na praia de Esteiro terán que comunicalo antes do día 6.
    ( Custe do xantar: 12 euros )




A fotografía do "Banco máis famoso...ecétera" é de Dani Caxete



25/06/15

En defensa do noso Patrimonio






NOVO ESPOLIO NO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE ESTABAÑÓN -VIVEIRO


ADEGA, MariñaPatrimonio e Pensamento e Sementeira presentamos no Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil unha denuncia polo posible espolio na vila romana de Estabañón, situada na praia da Area do concello de Viveiro.
Unha vez máis, este importante sitio arqueolóxico foi vítima da acción irresponsable e ilegal dos “caza-tesouros” que, nesta ocasión, escavaron na zona en que o Servizo de Costas do Ministerio de Medio Ambiente realizou en 2007 unha cata arqueolóxica. Esta cata no seu momento foi ridiculamente protexida e na actualidade atópase totalmente desprotexida, tal e como temos xa denunciado noutras ocasións.
Sen dúbida, un xacemento importante coma este, sen ningún tipo de protección, con catas abertas e con material arqueolóxico á vista, constitúe un reclamo para os furtivos do Patrimonio.
Lamentablemente, os espoliadores, os temporais e as desafortunadas intervencións de Costas están afectando gravemente o xacemento de Estabañón.
Por iso, as asociacións denunciantes demandamos novamente á Dirección Xeral de Patrimonio Culturas que se adopten con urxencia as medidas necesarias que eviten a desaparición e o espolio deste ben patrimonial.

08/06/15

Buscando un logo ( III )

Aquí temos o logo dun peixe feito con símbolos


E nós seguimos recibindo propostas para o deseño do logo do Colectivo.
Poden enviarse a:
pensamentoesementeira@gmail.com

07/06/15

Buscamos un logo ( I I )

Se no logo da London Symphony Orchestra, ademais das siglas LSO hai un director/a con batuta...

que podería levar o noso logo?

05/06/15

Buscamos un logo ( I )

Se o logo do Gremio de Escritores Gastronómicos é este --unha culler na  pluma estilográfica-- como podería ser o do noso Colectivo?
Admítense propostas.



24/05/15

"Na outra banda do mar construen o navío..."


"Na outra banda do mar construen o navío:
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construir a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.
Que cando no remate ergan a vela, e na enxarcia
tremole vagorosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón".

ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS

Calafates, caderna, quilla, galipote, enxarcia...
Grazas Fran Fra polas palabras coas que nos agasallaches no improvisado asteleiro da tertulia.
Grazas polo teu traballo e por ese grande entusiasmo co que construes os navíos.
Grazas, tamén ao Avilés polo fermoso poema.

Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA

23/05/15

A EXPOSICIÓN ESTARÁ ABERTA ATÉ O 30 DE MAIO


A exposición "AS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DO ARCO ÁRTABRO ATÉ RIBADEO" segue aberta na Sala de Usos Múltiples do Concello, na Praza Maior.
Pódese visitar até o 30 de maio en horario de mañá ( de 11 a 14 horas ), e tarde ( de 18 a 20 horas ).

19/05/15

TERTULIA ARREDOR DA CARPINTARÍA DE RIBEIRA







O CARPINTEIRO DE RIBEIRA FRAN FRA INTERVIRÁ O SÁBADO 23 NUNHA TERTULIA EN VIVEIRO
Fran Fra, carpinteiro de ribeira en activo, intervirá o vindeiro sábado 23 de maio nunha tertulia programada dentro das actividades que, arredor do patrimonio marítimo e fluvial, organiza o noso colectivo.

A tertulia desenvolverase no mesmo local onde está aberta ao público a exposición "As embarcacións tradicionais do arco ártabro até Ribadeo", o local de usos multiples do Concello, na Praza Maior de Viveiro.

O sábado pasado abriuse esta mostra arredor do patrimonio marítimo e fluvial cunha charla que estivo a cargo do especialista Víctor Fernández, membro da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
Na tertulia deste sábado 23, que dará comezo ás 19 horas, proxectaranse vídeos sobre o traballo dos carpinteiros de ribeira.
A entrada é libre até completar o aforo.


14/05/15

Víctor Fernández falará sobre o patrimonio marítimo e fluvial



O sábado 16 de maio abrimos na sala de usos múltiples do Concello de Viveiro a exposición "As embarcacións tradicionais do arco ártabro até Ribadeo". Esta mostra estará aberta até o 30 de maio. No acto intervirá Víctor Fernández González, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial..
A primeira das actividades dentro de destas xornadas arredor do noso patrimonio marítimo e fluvial dará comezo ás 19 horas. A entrada será libre até completar o aforo.

O galego, garantía de futuro


02/05/15

XORNADAS SOBRE PATRIMONIO MARÍTIMO E FLUVIAL

                                                                                         Pailebot "Sofía Moás"-Viveiro




VÍCTOR FERNÁNDEZ DA FGCMF E FRAN FRA CARPINTEIRO DE RIBEIRA INTERVIRÁN NUNHAS XORNADAS SOBRE O PATRIMONIO MARÍTIMO E FLUVIAL.

O noso Colectivo  programou para a segunda quincena de maio, en Viveiro, unhas xornadas arredor do patrimonio marítimo e fluvial.
Esta nova actividade dará comezo  coa inauguración  da exposición Embarcacións tradicionais do Arco Ártabro, Ortegal e Mariña de Lugo” que terá lugar o sábado 16 de maio, ás 19 horas no salón de usos múltiples do Concello de Viveiro. Coincidindo co acto de inauguración desta mostra, que permanecerá aberta até o día 30, o colectivo viveirés convidou a Víctor Fernández Gonzalez, directivo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, para falar sobre o noso patrimonio marítimo.
Outro dos actos que se terán lugar dentro destas xornadas será  o sábado 23 de maio e consistirá nunha tertulia con Fran Fra,  o único carpinteiro de ribeira activo na nosa comarca

19/04/15

UNHA CONCURRIDA TERTULIA

O público asistente abarrotou a sala da planta baixa da Biblioteca Municipal para participar na interesante tertulia arredor de San Miguel da Coelleira e a vila asulagada de Estabañón. O aforo resultou insuficiente. Así estaba a sala antes de dar comezo ao acto.


O noso colectivo agradece a participación de todas as persoas que asistiron ao acto--algunhas delas de pé e na entrada da sala--e moi especialmente a dos dous convidados á tertulia: Manuel Miranda e Manuel Gago.


10/04/15

O SÁBADO 18 DE ABRIL TEMOS TERTULIA




TERTULIA CON IMAXES DOS VESTIXIOS DO MOSTEIRO DE SAN MIGUEL E DE ESTABAÑÓN

O vindeiro sábado 18 de abril os mariñaos imos ter a oportunidade de coñecer  máis datos arredor do mosteiro de San Miguel  da Coelleira e tamén da vila asulagada de Estabañón. Serán Manuel Gago, xornalista cultural e profesor da USC, xunto co presidente da asociación sociocultural MariñaPatrimonio, Manuel Miranda, os protagonistas da tertulia convocada polo noso colectivo  que se desenvolverá , desde as sete da tarde, na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.

Recentemente Manuel Miranda ten se preocupado  sobre o futuro dos restos en Area-Faro e fixo pública a situación de precariedade na que se atopa este sitio arqueolóxico polo que, para o colectivo organizador desta tertulia, é a persoa indicada para  informar arredor da  historia da vila asulagada de Estabañón.

Manuel Gago, despois da súa última visita á Coelleira, escribiu  que esta illa “é unha das grandes fábricas de lendas de Galiza” sobre a que teñen escrito varios eruditos locais. Moitos mariñaos coñecen a lenda  que fala do seu mosteiro templario. Aínda que entre o primeiro documento que se conserva  do 1095 e os que volven aparecer, xa no XV, hai “un lapso misterioso de trescentos anos—di  Gago—nos que non hain nin rastro da historia do Monteiro de San Miguel”.
Na útima visita que Manuel Gago e Manuel Miranda de MariñaPatrimonio fixeron á Coelleira puideron comprobar que o mosteiro,“lonxe de ser un mito, existe, e segue en certo xeito en pé, mergullado en fieitos"

A proxección das imaxes sobre os vestixios do mosteiro de San Miguel e tamén as dos restos descubertos polas últimas vagas de mar en Area, servirán para completar esta tertulia á que o colectivo organizador convida a participar.

06/04/15

LEMBRANDO A ACTUACIÓNDE UXÍA E NARF


Agradecendo o traballo feito polo noso asociado Abella Albo para gravar a actuación de Uxía e Narf o pasado 27 de marzo no Teatro Pastor Díaz, deixámosvos aquí un anaquiño deste fermoso concerto.
Que vos preste!

Tertulia con M. Gago e M. Miranda



                                                                                                       Foto: Sole Felloza

"ARREDOR DUNHA ILLA, UN MOSTEIRO E UNHA VILA ASULAGADA: DE SAN MIGUEL DA COELLEIRA A ESTABAÑÓN”


O vindeiro sábado 18 de abril, ás 19 horas, o  noso colectivo viveirés organiza unha Tertulia aberta ao público que contará coas intervencións de Manuel Gago e Manuel Miranda.
“Arredor dunha illa, un mosteiro e unha vila asulagada: de San Miguel da Coelleira a Estabañón” é o título desta actividade que se desenvolverá  na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro e  na que tamén  se proxectarán imáxes sobre os vestixios do mosteiro de San Miguel e o sitio arqueolóxico de Estabañón.
Manuel Gago, xornalista cultural e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, especializado en deseño e desenvolvemento de medios dixitais e en comunicación multimedia sobre patrimonio cultural, gastronomía e ciencia e Manuel Miranda, presidente do colectivo sociocultural MariñaPatrimonio serán os encargados de descubrirnos aspectos destes dous lugares tan descoñecidos para  agrande maioría das persoas.
O colectivo organizador lembra que a entrada a esta tertulia é libre até completar o aforo da sala.