A veciñanza achegouse á mostra que ORA GALEGA está a dar a coñecer por todo o país.
Pola tarde, ás 17 horas partiu desde a Praza Maior o Roteiro das Irmandades organizado polo colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA e guiado polo noso Presidente Francisco Luís Rodríguez Guerreiro. Neste punto e fronte á antiga casa consistorial houbo unha lembranza para os irmaos da fala que na altura do ano 23 facían parte da I.N.G.: Ramón Vilar Ponte, César Parapar Sueiras, Vicente Trasancos, Manuel Antonio Méndez, Arturo López Trasancos, Xosé Sampedro Galdo, Acacio Vázquez, Esteban García, Eduardo López, Xosé Meitín e Esteban Almoina.
Tamén se lembrou ao alcalde Balbino Cerdeiras e aos concelleiros do Partido Galeguista que nos anos trinta defenderon no Concello de Viveiro o ideario das Irmandades, ideas polos que deron a vida.
O roteiro contou coa colaboración do grupo "Non cho digo" que acompañaron coa súa música aos participantes nesta actividade.
Diante do edifico do antigo Concello o músico David Bellas agasallounos coa interpretación ( co saxofón ) do noso Hino.
Os actores Pepe Penabade ("Volta e Dálle" ) e Gabriel ("Os Quinquilláns") falaron diante do Teatro Pastor Díaz--Teatro Nemensio, na época das Irmandades--do Conservatorio Nacional da Arte Galega, de Charlón e Hermidade, do teatro de Antón Vilar Ponte...
Outra das paradas deste Roteiro foi na rúa Pastor Díaz fronte ao edificio número 58. Alí, na casa natal dos irmáns Vilar Ponte a "Ensemble de Vento" da Banda de Música de Viveiro interpretou á "Alborada de Veiga".
E por último, foi Paula Naval Parapar, unha nosa conveciña, neta de César Parapar Sueiras, irmao da fala, fusilado cando tiña 35 anos, en Lugo en 1936 a que nos lembrou na Travesía da Marina--na época das Irmandades, Avenida Canalejas--onde o seu avó tivo un comercio de construción e saneamento que César "só un mozo toma partido e co resto dos irmandiños mariñaos intégrase na Irmandade Nacionalista Galega, ficando Viveiro como única localidade con afiliación nacionalista nas comarcas de Lugo".