REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

28/12/13

HOMENAXE A MIRO CASABELLA




O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA vai propor ás asociacións culturais e ás institucións da Mariña a celebración dunha homenaxe ao músico Miro Casabella. Consideramos que o percorrido artístico do compositor e cantante do Valadouro, comprometido desde os anos sesenta coa cultura e co idioma galego, ben merece a gratitude dos mariñaos.

Coa  finalidade de organizar esta homenaxe o noso colectivo convocará nos vindeiros días ás asociacións culturais e veciñais; aos músicos, artistas plásticos e escritores  e a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar no Valadouro o sábado 11 de xaneiro. Tamén  solicitará  apoio económico  aos Concellos e á Deputación xa que, de contar coa cooperación destas institucións, poderían participar músicos cos que Miro Casabella tivo relación ao longo da súa traxectoria artística.

12/12/13

Así nos surprendeu David Bellas


Así nos surprendeu David Bellas.
Hoxe colgamos  aquí os tres pequenos vídeos realizados polo amigo Abella.
Agradecementos a David Bellas, a Sara Otero e á actriz Lara Noriega.
Foron catro "Xoves Músicais", moi variados e con calidade.
Volveremos con máis "xoves musicais" no 2014.




Lara Noriega con David Bellas

David Bellas con Sara Otero

02/12/13

"OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE"


O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA pecha a súa programación de outono con esta representación teatral. Comezamos a nosa actividade de outono o pasado mes de outubro coas proxeccións das películas do festival Amal-2012, seguimos cos "Xoves Musicais" do mes de novembro, informamos sobre a importancia económica da actividade pesqueira en Galiza coa interesante intervención da doutora Mª do Carme García Negro, abrimos a exposición "Represaliados" do pintor Celso Dourado coas músicas de Vadim  Yukhnevich e o sábado 7 de decembro programamos a obra de Alfonso D. Rodíguez Castelao que estará a cargo do grupo "Ollomao" e diirixida por Comba Campoy e Ramón Casas.
Tamén temos que dicer que seguimos a medrar e xa somos máis asociados, que estamos a preparar un local social no casco vello de Viveiro, que andamos ás voltas coa programación do 2014, ( con máis cine, máis debates )...
Terémosvos informados. Mentras tanto, ollo á data: o 7 de decembro..."Os vellos non deben de namorarse".


REPRESALIADOS

Este sábado 30 de novembro abrimos en Viveiro a exposición "REPRESALIADOS" ( Na lembranza do comandante Moreno ), do pintor Celso Dourado. O acto de inauguración terá lugar ás 19 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior e nel, ademais do pintor intervirá o músico bielorruso Vadim Yukhnevich.
A mostra estará aberta ao público na primeira quincena do mes de decembro, de 19  a 20:30 horas.



Agora sabemos algo máis sobre a importancia económica da pesca...

A profesora Mª do Carme García Negro iniciou a súa intervención no acto informativo organizado polo noso Colectivo lembrando a súa colaboración coa antiga agrupación cultural Sementeira, no ano 1976. Pasou despois a fornecernos de datos que explican a importancia económica da actividade pesqueira na nosa comarca e en Galiza. “Ás veces, os datos publicados polos economistas minimizan o  importante impacto que ten a actividade pesqueira no noso país porque non teñen en conta ás mariscadoras, nen aos empregados en terra, nen aos traballadores de piscifactorías…” Destacou o medre económico rexistrado en Celeiro e en Burela “por riba—dixo—de calquer lonxa galega” e destacou que o 65% do PIB galego está nos concellos costeiros de Galiza. Para a investigadora os mariñeiros galegos souberon gardar o recursos, demostraron que saben pescar e que ademais teñen capacidade empresarial e organizativa”
A interesantísima aportación da doutora García Negro provocou entre as persoas asistentes un animado coloquio que serveu de peche a este acto informativo.



29/11/13

"A IMPORTANCIA DA PESCA NA ECONOMÍA GALEGA"

A economista Mª do Carme García Negro, profesora da USC e investigadora, intervirá nun acto informativo convocado polo noso Colectivo e que terá lugar este venres, 29 de novembro, ás 20:30 horas, na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.


28/11/13

David Bellas ponlle o ramo aos "Xoves Musicais"







David Bellas pecha este xoves 28  o ciclo XOVES MUSICAIS que se veu celebrando todos os xoves de novembro no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
A actuación dará comezo ás 20:30 horas e a entrada é libre até completar o aforo do local.



A profesora: Montse Expósito Cao

25/11/13

Así foi o Recital Lírico

"Unha marabilla". Esas foron as dúas palabras que empregou o presentador do acto cando, ao rematar este terceiro "xoves musical", despidiu ás persoas que encheron o salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro.
E desta marabilla, deixámosvos aquí unhas pequenas mostras.



María Jesús González Fraga

Mariví Maragoto

20/11/13

...e Plácido Travieso Fernández acompañará co piano...





Despois de ter recibido o Programa do RECITAL LÍRICO deste xoves 21, decatámonos do erro e  é agora  cando reparamos os danos ocasionados ( na nota anterior publicada aquí e nos restantes medios, esquecímonos, nada máis e nada menos!... do pianista que vai acompañar ás tres voces. Trátase do profesor do Conservarorio PLÁCIDO TRAVIESO FERNÁNDEZ. Así e con maíusculas!.
PROGRAMA


-Quella fiamma che m´accende. Benedetto Marcello.
-L´abbandono. Vincenzo Bellini.
-Caro mio ben. Giuseppe Giordani.
-Ma rendi pur contento. Vicenzo Bellini.
-Á Chloris. Reynaldo Hahn.
-Ah, non credea mirarti…La sonambula. Vicenzo Bellini.
-L´heure exquise. Reynaldo Hahn.
-Sogno. Paolo Tosti.
-Ich liebe dich. Eduard Grieg.
-Os teus ollos. Castro Chané.
-As froliñas dos toxos. Eduardo Toldrá. ( Poema de Noriega Varela )
-Canción del olvido. La canción del olvido. J. Serrano.


VOCES:

-Montse Expósito  Cao
( Profesora do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro )
-Mariví Maragoto e Mª  Jesús González Fraga
( Alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro )


PIANO:

-PLÁCIDO TRAVIESO FERNÁNDEZ
( Profesor do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro ) 

19/11/13

RECITAL LÍRICO NOS "XOVES MUSICAIS"

ARIAS E CANCIÓNS NO RECITAL LÍRICO DOS “XOVES MUSICAIS” DE PENSAMENTO E SEMENTEIRA. 

ESTE XOVES 21, A TERCEIRA ACTUACIÓN DOS “XOVES MUSICAIS” NO CONSERVATORIO.

Este xoves 21 de novembro e continuando coa programación dos “Xoves Musicais” organizados polo colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA, a profesora de canto do Conservatorio profesional de Música , Monse Expósito Cao e dúas alumnas, Mª Jesús González Fraga e Mariví Maragoto, ofrecerán un recital lírico de arias e cancións. O recital dará comezo ás 20:30 horas no salón de actos do Conservatorio de Música, onde cada xoves deste mes de novembro está programada unha actuación. Os “Xoves Musicais”, abertos pola cantautora ribadense Carme Rodríguez tiveron continuidade coa actuación do grupo de clarinetes “Sol en cuarta” que foi seguido por máis dun cento de persoas. 
A entrada é libre até completar o aforo da sala. 

Por outra banda, informamos que o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA ten programado un acto informativo coa profesora da USC e investigadora, especialista en temas pesqueiros, Mª do Carme García Negro que falará o venres 29 de novembro, ás 20:30 horas na sala da Biblioteca Municipal ( Praza Maior ) sobre “A importancia da pesca na economía galega”.

12/11/13

Un bocadiño de "SOL EN CUARTA"

Para írmonos ambientando aí vos deixamos este  bocadiño de "SOL EN CUARTA".

"SOL EN CUARTA", nos Xoves Musicais

Despois da actuación da cantautora de Ribadeo, Carme Rodríguez, continuamos co ciclo dos Xoves Musicais co Grupo "SOL EN CUARTA" do Conservatorio Profesional de Música. Será o xoves 14 de novembro ás 20:30 horas no salón de actos do centro que colabora co noso Colectivo para encher de música os catro xoves deste mes de novembro.
Alí vos agardamos.


Carme Rodríguez en concerto

Como xa vén sendo habitual, Abella Albo enviounos o vídeo que reralizou da actuación da cantautora Carme Rodríguez quen, por certo, entusiasmou ao público que encheu o salón de actos do Conservatorio Profesional de Música.

04/11/13

Carmen Rodríguez abre os XOVES MUSICAIS

Carmen Rodríguez , unha extraordinaria cantautora de 17 anos, será a encargada de abrir, o vindeiro 7 de novembro, os XOVES MUSICAIS que o noso colectivo organiza en colaboración co Conservatorio Profesional de Musica de Viveiro.
Todas as actuacións deste ciclo serán no salón  do Conservatorio, na Travesia da Mariña, as 20.30 horas. A entrada  é libre até completar o aforo do local.
"Cousas", a peza que lles ofrecemos neste video, é un adianto da súa actuacion en  Viveiro.





01/11/13

NOVAS ACTIVIDADES EN NOVEMBRO

OS XOVES MUSICAIS COMEZAN O VINDEIRO DÍA 7 EN VIVEIRO

ACTUACIÓNS MUSICAIS E UN ACTO SOBRE A PESCA NO PROGRAMA DE OUTONO DE PENSAMENTO E SEMENTEIRA

Rematado o ciclo de cine euroárabe programado o pasado mes polo Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA, dá comezo este xoves 7 de novembro un novo ciclo de actividades. Trátase dos “Xoves Musicais”, catro concertos dunha hora de duración que o colectivo de Viveiro organiza coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música os catro xoves deste mes de novembro.
Carme Rodríguez, a moza ribadense que acompañou a Ses no concerto de Viveiro, abrirá o programa dos “Xoves Musicais”, o día 7, no salón de actos do Conservatorio de Música. Seguirán despois as actuacións do grupo “Sol en cuarta”, o xoves 14, un grupo de Canto do Conservatorio, o xoves 21 e rematará o ciclo o músico David Bellas, o xoves 28. Todas as actuacións darán comezo ás 20:30 horas.

O Colectivo tamén ten programada, o venres 29, na sala da Biblioteca Municipal, na antiga casa consistorial, un acto informativo coa profesora e economista Mª do Carme García Negro que falará sobre a importancia da pesca como un sector estratéxico na economía galega.

Todos os actos, tanto os “Xoves Musicais” como a intervención da prestixiosa especialista no sector pesqueiro son de entrada libre até completar o aforo dos locais.

Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA


31/10/13

"Cine, cine, cine, máis cine por favor..."


" Cine, cine, cine, máis cine por favor..." como na canción de Luís Eduardo Aute. Esta é a petición que facían moitas das persoas que desfrutaron do ciclo de cine euroárabe, unha media de 43 asistentes por proxección. E na Xunta Xestora do Colectivo, tomamos nota: programaremos máis cine nos vindeiros meses.
Agradecemos publicamente a colaboración da Fundación ARAGUANEY-Ponte de Culturas que nos facilitou as cinco películas do ciclo e agardamos que esta colaboración permaneza no futuro. Obrigados tamén pola axuda prestada polo equipo directivo e persoal non docente do IES María Sarmiento onde tiveron lugar as proxeccións do ciclo de cine euroárabe.

 E tamén un agradecemento especial aos asistentes. Sen elas e sen eles non sería posíbel o ciclo, porque sen espectadores non hai cine.
E para rematar aí vos deixamos o agasallo que nos fixo María Chaves na última sesión: uns flocos de millo preparados  para a ocasión. Que vos preste!


28/10/13

Le Thé ou l'Electricité ( Trailer )

Remata o ciclo con "Le thé ou l´electricité"

Este mércores 30 de outubro remata o ciclo de cine euroárabe coa proxección da película que obtivo o premio Amal-2012 á mellor longametraxe documental. Dura 93 minutos e está dirixida por Jerôme le Maire.
"Le thé ou l´electricité" é a historia da modernización dunha pequena vila no corazón do Alto Atlas marroquino. No proceso enfróntanse dúas visións de futuro: mentras uns pensan que o progreso pasa pola construción dunha estrada, outros apostan pola chegada da electricidade. Axiña se decatarán do complicado que resultará chegar a un acordo.
Jerôme le Maire é un guionista e cameraman belga. É tamén o director do longo de ficción "Le Grand´ Tour" (seleccionado  no Festival de Rotterdam e en Cannes ) e do documental "Où est l´amour dans a palmeraie?" nomeado nos European Academy Awards premios ARTE.



20/10/13

DÚAS CURTAMETRAXES NO CICLO DE CINE

O mércores 23 continuamos coa programación de cine. Proxectaranse dúas curtametraxes. A primeira, "ENSEMBLE", dirixida por Mohamed Fekrane  e foi premio Amal-2012 á mellor curtametraxe de ficción.
A segunda será "EID", Palestina,  da autoría do Colectivo Saahed,  premio Amal-2012 á mellor curtametraxe documental.
A boa acollida deste ciclo de cine euroárabe , que o noso Colectivo está a programar en colaboración coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, anímanos a seguer facendo  actividades. Nos vindeiros días convocaremos un acto informativo sobre a situación da pesca en Galiza e para o mes de novembro... xa vos contaremos.



11/10/13

"BROMAS APARTE" de Vanessa Rousselot o mércores 16 de outubro

Despois da boa acollida que tivo a primeira das sesións de cine euroárabe seguimos co programa. O mércores 16 de outubro proxectaremos "BROMAS APARTE" da directora francesa Vanessa Rousselot que percorreu Cisxordania na percura do humor palestino.
A sesión dará comezo ás 20:30 horas no salón de actos do IES María Sarmiento. O documental dura 54 minutos e proxectase en versión orixinal.





07/10/13

UN CICLO DE CINE EUROÁRABE ABRE A NOSA PROGRAMACIÓN DE OUTONO

O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA abre a súa programación cultural de outono coa proxección de cinco películas de cine euroárabe.




As películas que se proxectasrán dentro deste ciclo pertencen á Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, entidade que organiza o Festival de Cine Euroárabe Amal que  é o único festival de cine euroárabe de Europa.
As proxeccións , subtituladas, terán lugar os mércores 9, 16, 23 e 30 de outubro, ás 8 e media da  noite, no salón de actos do IES Mª Sarmiento de Viveiro e a entrada será libre até completar o aforo.
Abrirá o ciclo “Rabat” ,  unha película holandesa dirixida por Jim Taihuttu e Victor Ponten  que conta con tres premios Amal ( 2012 ): á mellor longametraxe de fición,  mellor dirección e mellor interpretación masculina.
“Bromas aparte”,  ( Francia, Palestina ),“Le thé ou l´electricité”, ( Bélxica, Marrocos )  “Eid”,
( Palestina ) e  “Esemble”  (Francia ), dúas longametraxes e dúas curtas serán as películas que se proxectarán en Viveiro neste mes de outubro.
Nos vindeiros días o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA dará a coñecer outras actividades da programación cultural deste outono.

20/07/13

ACTUACIÓN DO MÚSICO DAVID BELLAS

O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA organizou un paseo en bici polo Souto da Retorta. Ao chegaren os participantes ao pé d´O Avo atopáronse cun fermoso agasallo: a actuación do músico David Bellas que interpretou varias pezas da súa autoría, dun repertorio de música clásica e tradicional. 
As persoas que participaron nesta actividade comprobaron o desleixo existente nalgún punto deste percorrido onde hai árbores caídas sobre o camiño. O Colectivo comunicará ao Concello esta situación para que sexa corrixida canto antes.



13/07/13

PASEO EN BICI POLO SOUTO DA RETORTA

O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA segue coas actividades programadas para reclamar unha ciclovía en Viveiro. Esta semana o colectivo instalou pontos de recollida de asinaturas nas rúas de Viveiro e agora prepara un Paseo en bici polo Souto da Retorta para o vindeiro venres día 19 de xullo. O inicio do Paseo será en Chavín, onda a antiga fábrica, e dará comezo contra as oito da tarde. Ao remate do Paseo, ao pé d´ O Avó,  o colectivo agallasará a todos os participantes cun  agasallo sorpresa.
A seguinte actividade, dentro desta programación da reclamación do carril-bici, terá lugar no vindeiro mes de agosto e consistirá nun Paseo nocturno en bicicleta.


11/07/13

Seguimos a recoller asinaturas para reclamar o CARRIL-BICI

Hoxe estivemos a recoller asinaturas para reclamar unha ciclovía en Viveiro. PENSAMENTO E SEMENTEIRA instalou dous postos para facilitar que a veciñanza asinase o escrito que se vai presentar nos vindeiros días diante das Administracións Públicas competentes: Concello, Xunta de Galiza, Xefatura de Costas e  Grupo de Portos.
A acollida non puido ser mellor:en menos de unha hora máis de cen asinaturas no posto que instalamos na Praza da Fontenova.
Nunca tal se viu! A 100 por hora e sen sair da Fontenova!



24/06/13

Vídeo da BICICONCENTRACIÓN

Abella Albo envíanos un vídeo da BICICONCENTRACIÓN que o noso colectivo convocou o pasado 15 de xuño. Desde aquí queremos agradecer esta colaboración así como a de Hortensio, O home Orquestra de Viveiro que animou esta primeira actividade para reclamar o carril-bici

http://youtu.be/7PhTTYQucSI

23/06/13

POLAS COVAS DE COVAS

O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA celebrou á entrada do verán cun Paseo polas Covas de Covas.
Os participantes nesta actividade entraron na Cova da Doncela, na punta da Ínsua e baixaron despois á Cova de San Xoán Vello onde, segundo o cronista  Donapetry, estivo a primitiva igrexa de Covas.

O colectivo continuará nos vindeiros días recollendo asinaturas para reclamar un carril-bici e programará novas actividades das  que vos teremos informados.



21/06/13

A COVA DA DONCELA



Como anunciamos ao remate da Biciconcentración, o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA ten programada para este SÁBADO día 22, unha visita á Cova da Doncela.
O punto para iniciar este paseo será a Área Etnográfica da Ínsua.
O percorrido será arredor de 2 quilómetros ( ida e volta )
Vinde preparados con roupa e calzado adecuados. Para entrar na Cova hai que facelo por un furado.
Se participa algún neno ten que vir na compaña dun adulto.
A hora de saída será ás 18 horas desde A Ínsua.

Debido á data (próxima ao día de San Xoán ), e á hora do paseo é moi probábel que coincidamos alí coa Doncela.

08/06/13

Biveiro con B de Bici





A RECLAMACIÓN DO CARRIL-BICI COMEZA EN VIVEIRO CUNHA BICICONCENTRACIÓN.
A SOLICITUDE DUNHA CICLOVÍA PARA VIVEIRO XA TEN LOGOTIPO.
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA dará comezo á campaña para reclamar un carril-bici o vindeiro sábado día 15 de xuño. Ese día, ás 12 da mañá, convoca unha primeira Biciconcetración no Paseo Marítimo, diante do Parque de Cantarrá. Alí darase lectura ao manifesto que será espallado entre a viciñanza para recoller sinaturas de apoio á proposta de deseño e construcción dunha infraestrutura para a circulación de bicicletas que conecte a Vila con distintas parroquias do concello.
O colectivo mantivo xa unha primeira reunión con asociacións de Viveiro e seguirá recollendo nos vindeiros días ideas e propostas para facer chegar ás Administracións Públicas—Concello,   Xefatura de Costas e Grupo de Portos—a  reclamación dunha primeira ciclovía para un concello onde tanto se ten investido en paseos marítimos e fluviais e que non conta nen con un só metro de carril-bici.
O Colectivo convoca ás persoas que participen neste primeiro acto para que acudan a esta  biciconcentración coa súa bicicleta.