REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

12/06/18

O DIARIO GALEGO chegou a Viveiro


O DIARIO GALEGO chegou a Viveiro da man de Mónica Pazos, secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística e Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza. 
O acto foi presentado por Xulia Canoura, do noso Colectivo e desenvolveuse na planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.
PENSAMENTO E SEMENTEIRA agradece a asistencia a este acto da veciñanza de Viveiro que se achegou até a Praza Maior de Viveiro para coñecer de primeira man a nova cabeceira en papel que--se todo vai ben--sairá en 2019.


05/06/18

Ti contas




O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA organiza o vindeiro martes día 12 de xuño a presentación pública do DIARIO GALEGO, cabeceira diaria en papel que sairá en 2019.

O acto terá lugar na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro ás 20:30 horas e nel intervirán, ademáis da presentadora Xulia Canoura, do Colectivo organizador, Mónica Pazos, secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística e Xoán Costa, Presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza. 


25/02/18

O 1 de marzo, en Burela


O 1 de marzo voltamos ás rúas de Burela para seguer defendendo a Área Sanitaria da Mariña. O noso Colectivo, que fai parte da Plataforma convocante da manifestación, quer contribuir unha vez máis con esta causa. Somos un colectivo sociocultural que non pode ficar calado mentras se debate a posíbel supresión da Área Sanitaria da Mariña. E somos un Colectivo que desenvolve as súas actividades en Viveiro, un concello que ficaría seriamente prexudicado de se levar adiante a reforma da Lei que se está a debater no Parlamento de Galiza.

Viveiro, ademais, está a aportar moita veciñanza a estas mobilizacións. Foron, como xa se ten informado, cinco autobuses  de Viveiro os que se desprazaron á última manifestación en Compostela o que da idea do traballo feito na nosa localidade polos membros de Somos unha Área-Viveiro que programaron varias actividades de todo tipo--asembleas, concertos musicais, presenza en probas deportivas, bailes reivindicativos...--para manter á veciñanza informada en todo momento.

E agora que se convoca unha nova mobilización--outra volta en Burela--facemos un  chamamento á nosa veciñanza: temos que voltar a Burela, o día 1 de marzo, ás 20 horas e alí manifestar o noso desacordo co que se pretende: a eliminación da Área Sanitaria da Mariña.

Así que xa o sabedes, animade aos vosos familiares, ás amizades, aos conveciños para voltar a Burela o xoves. Alí nos veremos.

01/02/18

Agora toca Compostela



Despois da intensa campaña informativa desenvolvida pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública--organización da que o noso Colectivo fai parte-- e das actividades desenvolvidas en Viveiro convocadas por Somos Unha Área-Viveiro agora toca viaxar a Compostela para nos manifestar.
Así que, a encher os autobuses!. Porque SOMOS UNHA ÁREA.

10/01/18

De San Cibrao a Burela

Como xa sabedes, o noso Colectivo fai parte da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e tamén estamos participando nas actividades que organiza  Somos unha Área-Viveiro. Agora toca rematar este percorrido de Viveiro a Burela participando na terceira das etapa da Caravana pola Sanidade Pública que sairá do Centro Sanitario de San Cibrao para chegar a Burela. Alí xuntarémonos cos autos que veñen de Foz e Ferreira. Tomade nota, pois.
Sábado 13,  ás 11 horas, desde o C. Sanitario de San Cibrao

02/01/18

O xoves 25 de xaneiro: Asembleas Xerais


O xoves 25 de xaneiro o noso Colectivo celebrará dúas Asembleas Xerais: unha, a Ordinaria, onde faremos un resume da nosa actividade ao longo do pasado 2017 e programaremos as vindeiras actividades para este 2018 e outra, a Extraordinaria, onde renovaremos a Xunta Directiva. 
Serán no noso local social, na rúa Irmáns Vilar Ponte, 40, baixo, dreita e darán comezo ás 20 horas.




15/12/17

Caravana pola Sanidade, desde Xove







A segunda etapa da Caravana en defensa da Sanidade Pública sairá da Praza do Concello de Xove ás 11 da mañá e rematará no Centro de Saúde de San Cibrao.

A Plataforma da Mariña animámosvos a participar.

Ás 10.45 horas en Xove!#SomosUnhaÁrea

28/11/17

Vémonos na Fontenova




O xoves 30 de novembro é o día da Concentración na defensa da Sanidade Pública.

Son varios, e de todo tipo, os colectivos que apoian esta reclamación: deportivos, educativos,sindicais, de comerciantes...E o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA tamén está aí. E fai un chamamento non só dirixido ás persoas asociadas. A convocatoria de SOMOS UNHA ÁREA-Viveiro é para toda a veciñanza.
Así que xa sabedes o xoves 30 de novembro, ás 8 e media da tarde, estaremos na Vila, na Praza da Fontenova. E se a veciñanza responde, habémola encher.






21/11/17

Bailando tamén nos movemos...



E seguimos movéndonos pola Sanidade Pública. Esta vez a xente de SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO organiza un baile no  Salón do Conservatorio Profesional de Música. Dous grupos, LABRAX e AUGA MARIÑA serán os animadores desta actividade reivindicativa. O baile dará comezo ás 19:30 horas do sábado 25 de novembro.
O noso Colectivo, que apoia as reclamacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, chama á veciñanza a botar un pé nesta nova xornada polas melloras da Sanidade Pública.
Así que, bailando, tamén nos movemos.

07/11/17

Concerto da Petit Band


Segue o calendario de actividades programado por SOMOS UNHA ÁREA-Viveiro. O vindeiro xoves día 9 de novembro teremos un concerto da Petit Band do Conservatorio Profesional de Música. Unha formación composta por dez músicos que dirixe o profesor Delio Represas Carrera.


Delio, iniciou a súa andaina musical dirixindo a Banda de Salceda de Caselas e a de O Rosal. Tamén dirixiu a de Santa Cruz de Ribadulla, a Coral Polifónica de Burela e a Banda Municipal de Viveiro. Foi, tamén, director da Orquestra do Festival do Landro e da Big Band do Conservatorio de Música de Viveiro.

O concerto Pola Sanidade Pública dará comezo ás oito da tarde no salón multiusos do Concello de Viveiro. 


O noso Colectivo, que fai parte da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, chama á veciñanza a este acto, un máis dos que SOMOS UNHA ÁREA-Viveiro ten programado para manifestar que a nosa Comarca non quer o cambio de modelo do mapa sanitario encamiñado a centralizar as prestacións  en Lugo.



01/11/17

Somos unha Área




A Asemblea Informativa do día 30 de outubro serviu para que os colectivos con vida activa en Viveiro se achegaran até o Salón de Usos Múltiples do Concello e participaran nesta reunión que organizou SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO.
Neste acto aberto a Colectivos e veciñanza en xeral participaron, convidados polos organizadores, dous membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, Adolfo Corral  e Monserrat Porteiro, que informaron sobre as situación actual pola que está a pasar o Hospital da Costa e os centros de Atención Primaria.
As máis de 200 persoas asistentes, que encheron o local do Concello, deron a súa aprobación ao calendario de actividades reivindicativas que SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO lles propuxo.

                                                               ( Fotografías de SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO)

Así, a primeira destas actividades para apoiar as reclamacións que está a facer a Plataforma vai ter, o domingo 5 de novembro, como protagonistas aos atletas que o Clube Deportivo EGOVARROS convoca para celebrar a XIX Carreira Popular Concello de Viveiro, Memorial Julián Bernal. Neste acto os deportistas participantes han facer un pequeno percorrido, ao inicio da proba, portando a faixa que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña está a mostrar nas manifestacións  concentracións e actos en moitos dos concellos da comarca.

  O noso Colectivo vai apoiar todos estas actividades e anima ás asociacións que aínda non se adheriron á Plataforma a que o fagan canto antes. As melloras na Sanidade Pública que estamos a reclamar son cousa de toda a xente.

26/10/17

Sumando apoios


O noso Colectivo súmase a esta covocatoria e anima a todo o movimento asociativo de Viveiro para que participe nesta Asemblea do luns día 30 de outubro.
Asociacións de Comerciantes, clubes deportivos, colectivos culturais e veciñais, Comunidades de Montes, Cofradías...,todos e todas apoiando as reivindicacións da Plataforma. 
#somosUnAreaSanitaria

19/10/17

Onde a veciñanza é a protagonista


Foi en 2015 cando o noso colectivo organizou un debate arredor da deterioración do areal de Covas. O debate tivo lugar o 27 de febreiro na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal e nel participaron, moderados polo Presidente do noso Colectivo, o biólogo Alexandre García, o Práctico do Porto Andrés Díaz, o capitán de Pesca J. Pino e o arquitecto do Concello de Viveiro, Santiago Meitín.



Despois deste primeiro debate, a veciñanza constituiu o Colectivo SALVAR A PRAIA DE COVAS que organizou moitas actividades denunciando a situación  e reclamando solucións para o areal: asembleas veciñais, unha cadea humana no areal, exposicións de pintura de artistas locais,  petición aos Magos de Oriente, reunións cos responsábeis de Portos e Concello de Viveiro...A veciñanza concretou as súas reclamacións no trasvase de area, no reforzo do muro de paseo marítimo e na iniciación dun estudo de Dinámica de Litoral.
















Agora,por fín, e despois de moitos anos de desleixo deste areal, a veciñanza conseguiu que Portos de Galiza rexenerara a praia trasvasando 30.000 metros cúbicos de area da parte oriental, na zona do Cembedo, á zona máis afectada pola falta de area, desde Os Castelos até a primeira das pérgolas do Paseo.

Desde  PENSAMENTO E SEMENTEIRA, parabenizamos á veciñanza e nomeadamente  ao colectivo SALVAR A PRAIA DE COVAS pola súa constante e orixinal campaña durante estes  dous últimos anos. Aínda fica moito por conseguir, mais por algo se empeza.


28/06/17

Homenaxe a Xoán Carlos Basanta


Homenaxe a Xoán Carlos Basanta.
(Sábado 1 de Xullo ás 19:00 no CENIMA de Foz)

Amigas e amigos:

O vindeiro 1 de Xullo ás 19:00 homenaxeamos ao noso amigo e compañeiro Xoán Carlos González Basanta, nun acto público que se celebrará no CENIMA de Foz, e no que pretendemos lembrar e recoñecer a quen foi o noso presidente durante tantos anos e ao noso amigo de sempre.

As mulleres e os homes da Pomba do Arco non precisamos dun día para lembrar a Basanta, a súa memoria e o seu exemplo, acompáñanos todos os días, nas actividades que organizamos, moitas deles deseñadas por el, nos cartazes que facemos, onde se atopa o noso anagrama que Basanta encargou a Suso Peña, ou no nome da nosa asociación, bautizada polo propio Basanta após ler un poema do mesmo título do poeta surrealista Francés Robert Desnos.

Queremos simplemente convidarvos a este acto, que nos acompañedes e acompañedes a Basanta o vindeiro 1 de Xullo no CENIMA, que lembredes e lembremos ao noso amigo e veciño.



19/06/17

Na Ínsua


De esquerda á dereita: Francisco Luis R. Guerreiro (Colectivo PeS ), Manuel Miranda Ruíz ( Mariña Patrimonio ), Francisco X. Martínez Pérez ( crego e historiador ) e Roberto Pena Puentes ( arqueólogo xefe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza ).