REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

23/03/15

UXÍA SENLLE




Uxía concibe escribindo palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do seu ser, da alma. A súa carreira xa suma case tres décadas, anos que a converteron nunha das voces máis populares e valoradas en lingua galega.

Integrante do grupo Na Lúa ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa traxectoria. Naquel mesmo ano publica "Entre cidades", e catro anos despois, "Estou Vivindo no ceo", disco moi valorado pola crítica, que afianza a súa proxección internacional e que a leva a cantar por motos países europeos, por América e África. .

A súa paixón pola mestizaxe consigue unir e reunir voces, instrumentos, ritmos, sons... é un imán para o talento, e así o demostra como directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía "Cantos na Maré", un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario transfórmase nunha fiestra multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Angola, Mozambique, etc.

No seu disco “Meu Canto” (Fol Música 2011) Uxía sigue a estela dunha cultura que viaxa e cambia o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo, nos estudios da editora Biscoito Fino, en Rio de Janeiro, todo baixo a produción do prestixioso músico Jaime Alem (produtor de María Bethânia), a direción musical de Sérgio Tannuse a participación especial de Lenine que obtivo o 'Premio de la Música Independiente 2012' ao mellor disco en galego.

  Tamén é productora do grupo tradicional Malvela, crítica de música na Radio Galega e imparte conferencias sobre a Historia da Música Galega.

Nos últimos tempos coordinou e dirixiu varios discos e proxectos colectivos como CoraSons (Kalandraka, 2013), Maria Fumaça e Xiqui Xoque, Fiú, Fiú (Galaxia) na área infantil e 'Atlántic@s', un espectáculo galego que se presentou no MICSUR (Mar del Plata) con Narf, Budiño e Rosa Cedron.

  Editou o cd 'Andando a Tera', sobre poemas de Manuel María e 'Rosalía Pequeniña' (Galaxia 2013) no que achega os versos da nosa porta máis universal aos máis cativose cativas. 

Fran Pérez NARF

Despois de máis de vinte anos no mundo da música e formar parte de diversas bandas de rock Fran Pérez, artista relacionado dende sempre co mundo da cultura teatral e musical, creou no ano 2004 o concepto NARF.
O proxecto do polifacético músico rompeu as barreiras e converteuse nunha das aventuras musicais máis interesantes da última década en Galicia. Trátase dun artista inquedo, que investiga o ritmo e a harmonía.


14/03/15

UXÍA e NARF : "BALADAS DA GALIZA IMAXINARIA"



O venres 27 de marzo  Pensamento e Sementeira organiza no Teatro Pastor Díaz, en colaboración co Concello de Viveiro  un concerto que contará coa participación da cantante Uxía Senlle e o compositor Fran Pérez NARF, dous dos artistas do panorama actual galego máis influentes e que máis pontes teñen forxado a través da música con creadores de outras partes do mundo, en especial cos países de lingua portuguesa.

Tras anos de viaxes e experiencias de intercambio con artistas de Mozambique, Angola, Brasil, Portugal, Cabo Verde, Guinea Bissau, Arxentina,  Chile, Uruguai... tanto Uxía como Fran Pérez “NARF” foron construíndo os seus respectivos repertorios, xerando canción a canción, un pequeno ámbito de convivencia entre mundos culturais que nalgúns casos comparten a mesma orixe, e en todos a mesma paixón pola palabra cantada. Este lugar propicio para o encontro é o territorio da Galiza Imaxinaria, un espazo emocional sen fronteiras, con raíces profundas pero cos brazos abertos ao mundo de hoxe, un territorio que pertence por dereito a todo aquel que o queira transitar, e no que os rasgos de identidade presentes nas cancións, lonxe de ser barreiras, son portas de entrada.

Por  primeira vez, UXÍA & NARF funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto, man a man, e propoñen un concerto de formato intimista, no que convidan a coñecer as "Baladas da Galiza imaxinaria". Todas e cada unha destas cancións teñen unha historia detrás relacionada cunha viaxe, cun encontro e cunha experiencia vivida a través da música, e farán as delicias  daqueles que, con espírito inquedo e aventureiro, as deixen entrar no seu corazón.

O concerto dará comezo ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. O colectivo organizador porá á venda as entradas (5 euros) unha hora antes do comezo do espectáculo.

10/03/15

Remata o ciclo



Co documental “Shooting, Muhammad” de Francesco Cannito e Luca Casani ( Italia, 2009)  e a curtametraxe  “Shwesh,Suez” de Riyad Deis ( Palestina ,2009 ), remata o ciclo de películas sobre Palestina que se proxectaron durante os tres primeiros meses do ano no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro.

“Shooting Muhammad” conta a historia dun refugiado palestino de 21 anos que, cada mañá, colle o autobús para asistir á universidade israelí situada nun asentamento de Cisxordania. El é o único estudante árabe da facultade e comparte aula con colonos ultra-relixiosos.

A curta, “Shwesh, shwesh” está ambientada nas zonas rurais de Palestina, en 1939, ao final da revolta palestina contra o mandato británico. Un agricultor palestino e a súa familia viven unha vida tradicional cando todo cambia porque un combatente da resistencia decide agocharse nunha pequena granxa e trae ideas revolucionarias…

A sesión dará comezo ás 20 horas e a entrada é libre até completar o aforo da sala.

07/03/15

UN DOCUMENTAL ITALIANO E UNHA CURTA DE PALESTINA PECHAN O CICLO "CINE ÁRABE PARA O MUNDO"







O vindeiro mércores 11 de marzo remata o ciclo de “Cine árabe para o mundo” que  o  noso colectivo , en colaboración coa Fundación Araguaney-Ponte de culturas,  programou dentro da súa programación cultural de inverno.

O documental “Shooting, Muhammad” de Francesco Cannito e Luca Casani ( Italia, 2009)  e a curtametraxe palestiniana  “Shwesh,Suez” de Riyad Deis pecharán o ciclo de películas sobre Palestina que se proxectaron durante os tres primeiros meses do ano no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro.

A sesión dará comezo ás 20 horas no salón de actos do IES María Sarmiento.

A entrada é libre ate completar o aforo.