REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

14/03/15

UXÍA e NARF : "BALADAS DA GALIZA IMAXINARIA"



O venres 27 de marzo  Pensamento e Sementeira organiza no Teatro Pastor Díaz, en colaboración co Concello de Viveiro  un concerto que contará coa participación da cantante Uxía Senlle e o compositor Fran Pérez NARF, dous dos artistas do panorama actual galego máis influentes e que máis pontes teñen forxado a través da música con creadores de outras partes do mundo, en especial cos países de lingua portuguesa.

Tras anos de viaxes e experiencias de intercambio con artistas de Mozambique, Angola, Brasil, Portugal, Cabo Verde, Guinea Bissau, Arxentina,  Chile, Uruguai... tanto Uxía como Fran Pérez “NARF” foron construíndo os seus respectivos repertorios, xerando canción a canción, un pequeno ámbito de convivencia entre mundos culturais que nalgúns casos comparten a mesma orixe, e en todos a mesma paixón pola palabra cantada. Este lugar propicio para o encontro é o territorio da Galiza Imaxinaria, un espazo emocional sen fronteiras, con raíces profundas pero cos brazos abertos ao mundo de hoxe, un territorio que pertence por dereito a todo aquel que o queira transitar, e no que os rasgos de identidade presentes nas cancións, lonxe de ser barreiras, son portas de entrada.

Por  primeira vez, UXÍA & NARF funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto, man a man, e propoñen un concerto de formato intimista, no que convidan a coñecer as "Baladas da Galiza imaxinaria". Todas e cada unha destas cancións teñen unha historia detrás relacionada cunha viaxe, cun encontro e cunha experiencia vivida a través da música, e farán as delicias  daqueles que, con espírito inquedo e aventureiro, as deixen entrar no seu corazón.

O concerto dará comezo ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. O colectivo organizador porá á venda as entradas (5 euros) unha hora antes do comezo do espectáculo.