REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

24/02/14

O Recital ( Resumo fotográfico )



Vén de rematar o Recital Viveiro con Rosalía. O acto iniciouse coa música do Grupo de Corda do Conservatorio, dirixido polo profesor Cabalar. 


Seguiu unha pequena presentación onde se deu lectura ao Manifesto do Día de Rosalía.




O capitán Pino, non puido estar presente. A esa hora gobernaba o seu barco, mais a través do vídeo chegounos a poesía de Rosalía.



A nena máis aplaudida: Carme Chaves, alumna de Primaria no Colexio de Covas.




Marta Fra, monitora de natación, leu a Rosalía desde a Piscina Municipal.


A xornalista Mar García deleitounos con Campanas de Bastabales.


María do Mar ( Tecín soia a miña tea... ) e María Pal  ( Sen niño ) , no ensaio xeral.




Daniel Noriega recitounos Roxiña cal sol dourado.



O adestrador de fútbol Guillerme Pigueiras, lendo no Campo do Cembedo.


Mar García, María Xosé Penso, Ánxel Vázquez e Paco Chao, entre o público.




Ánxeles Lago, recitou Unha vez tiven un cravo.



Delio Represas, músico, despois de ler  Un repoludo gaiteiro.



E...o cazador, cazado: Abella Albo, do que agardamos o vídeo do Recital.



( Fotografías de Antonio Masafret )

14/02/14

UN RECITAL CON ACOMPAÑAMENTO MUSICAL






Como xa tiñamos anunciado o colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA conmemorará o Día de Rosalía en Viveiro, o luns 24 de febreiro, contando coa colaboración de persoas de distintas idades e profesións que recitarán poemas da escritora.
Intervirán: Daniel F. Noriega ( empresario ), María do Mar García ( empregada ), Paco Chao
( comerciante ), Delio Represas ( músico ), María Pal ( camareira ), Guillermo Pigueiras
( adestrador de fútbol ), Mª Ánxeles Lago ( xubilada ), Marta Fra ( monitora de natación ), Carme Chaves ( estudante de E.Primaria ),  Mª Xosé Penso ( empregada do Concello ), Mar García ( xornalista ), Ánxel V. Iglesias ( comerciante ) e J. Pino ( capitán de pesca ).
O recital, que contará con acompañamento musical en directo e cunha proxección audio visual, dará comezo ás 20:30 horas, no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.

11/02/14

O MAR DESCOBRE MÁIS RESTOS ...



Os últimos temporais están a descubrir novos restos arqueolóxicos na praia de Area. Apareceron un posíbel morteiro, novos muros ao sul da área onde se fixeron as catas arqueolóxicas, anacos de tellas e cerámica...
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA comunicou a existencia destes restos ao Servizos de Arqueoloxía da Xunta e á alcaldesa de Viveiro para que tomen as medidas oportunas e eviten o espolio do xacemento que  está  deficientemente protexido e totalmente abandonado.



03/02/14

VIVEIRO CON ROSALÍA





UNHA DUCIA DE VIVEIRESES RECITARÁN A ROSALÍA O DÍA 24 DE FEBREIRO


O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA está a organizar un acto de homenaxe a Rosalía de Castro que consistirá na lectura pública de poemas no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Este recital estará protagonizado por unha ducia de veciñas e veciños de Viveiro e vaise celebrar o luns 24 de febreiro coincidindo co Día de Rosalía. O colectivo viveirés animou a unha ducia de conveciños, de distintas profesións e procedencias a participar neste acto público. Así, neste recital intervirán, empresarios, comerciantes, mariñeiros, músicos, xubilados, empregadas da hostelaría, ou xornalistas.

O acto que dará comezo ás oito e media da tarde, desenvolverase no salón do Conservatorio profesional de Música de Viveiro e contará probabelmente  con unha actuación musical.

31/01/14

DEBATE: ARREDOR DO DEPORTE








O  sábado 1 de febreiro de 2014 temos organizado un debate “ARREDOR DO DEPORTE”.
Dará comezo ás 6 da tarde na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior en el intervirán:

-Omar González ( Adestrador. Centro Galego de Tecnificación  Deportiva)
-Carlos Gueimunde ( Concelleiro de Deportes. Viveiro )
-Manuel Otero ( Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galiza )
-Francisco Villanueva ( Presidente da Federación Galega de Triatlón )
O moderador será Matías Nicienza ( Radio Burela

Pretendemos con este debate coñecer de primeira man as dificultades que teñen os equipos de base, as escolas deportivas, os clubes de atletismo... á hora de acceder ás subvencións das institucións, tamén avaliar a rede de infraestruturas existentes no concello para practicar deporte... e todas as cuestións que o público  participante nesta actividade propoña.

Xunta Directiva do
Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA

22/01/14

Trailer de "A FAZAÑA DA LIBERDADE"

O documental A fazaña da liberdade percorreu xa distintas vilas e cidades: A Estrada, Lugo, Ferrol, A Coruña, Ourense... e mesmo proxectouse fóra do país, en Bilbo.Agora chega a Viveiro da man do seu director, Seném Outeiro, que estará connosco no salón do IES María Sarmiento o vindeiro mércores 29 de xaneiro para falar da película e da biografía de Alexandre Bóveda. O acto dará comezo ás 8 da tarde ( ollo á hora ! ) e a entrada é de balde, até completar o aforo. Velaí vos deixamos o trailer.

Trailer "A Fazaña da Liberdade" from Filmika Galaika on Vimeo.

21/01/14

"A FAZAÑA DA LIBERDADE"






O mércores 29 de xaneiro, ás 20 horas e no salón de actos do IES María Sarmiento, iniciamos a nosa programación de Inverno coa proxección do documental "A fazaña da liberdade" do que hoxe vos deixamos esta ficha:
Ficha artística
Dirección: / Seném Outeiro
Dirección fotografía: / Berto Palacios
Guionista: / Seném Outeiro
Produción: / Roi Carballido 

Ficha técnica
Emisión ou proxección / Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)
Produtora / Filmika Galaika, S.L. 
Titulo orixinal: A fazaña da liberdade
Tipo: Documental
Xénero: Biográfico
Coprodución
Duración: 90'
Orixe: Galicia
Ano: 2013
Idioma V.O.: galego


O periplo vital dun personaxe influínte, Alexandre Bóveda (1903-1936). Facendista, economista, deseñador das Caixas de Aforros de Ourense e Pontevedra, impulsor do Estatuto de Galicia, integrante do Seminario de Estudos Galegos, cofundador e Secretario Xeral do Partido Galeguista. Contexto e testemuñas históricas aportados por Beiras, Vence, Pousa Antelo, Díaz Pardo, Justo Beramendi e a familia Bóveda, entre outros.

17/01/14

PRIMEIRA XUNTA DIRECTIVA DO COLECTIVO





Na asamblea extraordinaria do pasado 16 de xaneiro elixiuse a primeira Xunta Directiva do noso Colectivo da que fan parte as seguintes persoas asociadas:
-Ana Mejuto Esmorís, Xulia Canoura Díaz, Francisco Rodríguez Balsa ( Vogais ); Xosé A. Goás Basanta ( Secretario), Mª do Mar Chaves Álvarez ( Vicepresidenta ) e Francisco Luís Rodríguez Guerreiro ( Presidente )
As asambleas tiveron lugar no local social, ( R/ Irmáns Vilar Ponte, nº 40, baixo, dereita) , onde tamén se van organizar nos vindeiros meses actividades que serán publicitadas neste blogue e nos medios de comunicación.
Na primeira das asambleas, a ordinaria, deuse conta da actividade desenvolvida desde a constitución do Colectivo, en abril de 2013, até o remate do ano. Foron 9 meses de intensa actividade, con 16 actos públicos polos que pasaron máis de mil persoas. Toda esta actividade foi realizada sen contar con ningún tipo de subvención e soportada polas cuotas das persoas asociadas.
Ademais de programar a actividade para o 2014, os asistentes acordaron constituir un cineclube e solicitar a integración na Federación de Cineclubes de Galiza.  


15/01/14

ASEMBLEAS DO COLECTIVO


                                                       ( Imaxe do público asistente á primeira actividade do Colectivo, e abril de 2013)




O xoves día 16 de xaneiro temos convocadas dúas Asembleas do colectivo que se van celebrar no noso local social , na rúa Irmáns Vilar Ponte, nº 40, baixo, dereita.
Os asuntos a tratar son os seguintes:
1.-Resume das actividades desenvolvidas desde abril de 2013.
2.-Aprobación das contas e balances do ano 2013.
3.-Aprobación dos orzamentos de ingresos e gastos para o 2014.
4.-Aprobación da cota de asociado/a para o 2014.
5.-Aprobación da programación de actividades para 2014.
6.-Elección da Xunta Directiva do Colectivo.
7.-Aprobación , se proceder, dos estatutos para a constitución dun Cineclube e a integración na Federación de Cineclubes de Galiza.


Agardamos a participación de todas as persoas asociadas.


13/01/14

A nosa convocatoria atopou resposta



Este sábado celebrouse a reunión convocada polo noso colectivo para organizar a homenaxe a Miro Casabella. Asistiron representantes de asociacións culturais:  Colectivo Cultural OLLOMAO
 ( Barreiros), AVENTADOS, MARIÑAPATRIMONIO, O MUNDO DE GALEA, A. C. OS CASTROS ( Cangas ), LIGA CÉLTICA GALAICA, A.C. AMADO LAR ( Ferreira do Valadouro ), CASAHAMLET, S.L., CLUBE CULTURAL ELSINORE,  IRMANDADE SAN CAETANO ( Celeiro de Mariñaos) e o Colectivo Cultural BURIL...e outros colectivos que non puideron estar na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro fixeron constar o seu apoio a esta inciativa.
Tamén participaron persoas a título individual como, Ponte Fores ( Foz ), Caxigueiro, Emilio Méndez
( Finca Galea ), Manuel Lourenzo, Carlos López Otero ( Burela ), Evaristo Maseda, J. H. Martinez Mosqueira, Arturo Mogo ou Celso Dourado.
Entre os acordos aos que se chegou  suliñamos o de constituir  unha Comisión Organizadora da homenaxe a Miro Casabella, que se reunirá nos vindeiros días coa finalidade de  facer propostas concretas para unha segunda reunión a celebrar no mes de febreiro.





28/12/13

HOMENAXE A MIRO CASABELLA




O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA vai propor ás asociacións culturais e ás institucións da Mariña a celebración dunha homenaxe ao músico Miro Casabella. Consideramos que o percorrido artístico do compositor e cantante do Valadouro, comprometido desde os anos sesenta coa cultura e co idioma galego, ben merece a gratitude dos mariñaos.

Coa  finalidade de organizar esta homenaxe o noso colectivo convocará nos vindeiros días ás asociacións culturais e veciñais; aos músicos, artistas plásticos e escritores  e a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar no Valadouro o sábado 11 de xaneiro. Tamén  solicitará  apoio económico  aos Concellos e á Deputación xa que, de contar coa cooperación destas institucións, poderían participar músicos cos que Miro Casabella tivo relación ao longo da súa traxectoria artística.

12/12/13

Así nos surprendeu David Bellas


Así nos surprendeu David Bellas.
Hoxe colgamos  aquí os tres pequenos vídeos realizados polo amigo Abella.
Agradecementos a David Bellas, a Sara Otero e á actriz Lara Noriega.
Foron catro "Xoves Músicais", moi variados e con calidade.
Volveremos con máis "xoves musicais" no 2014.




Lara Noriega con David Bellas

David Bellas con Sara Otero

02/12/13

"OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE"


O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA pecha a súa programación de outono con esta representación teatral. Comezamos a nosa actividade de outono o pasado mes de outubro coas proxeccións das películas do festival Amal-2012, seguimos cos "Xoves Musicais" do mes de novembro, informamos sobre a importancia económica da actividade pesqueira en Galiza coa interesante intervención da doutora Mª do Carme García Negro, abrimos a exposición "Represaliados" do pintor Celso Dourado coas músicas de Vadim  Yukhnevich e o sábado 7 de decembro programamos a obra de Alfonso D. Rodíguez Castelao que estará a cargo do grupo "Ollomao" e diirixida por Comba Campoy e Ramón Casas.
Tamén temos que dicer que seguimos a medrar e xa somos máis asociados, que estamos a preparar un local social no casco vello de Viveiro, que andamos ás voltas coa programación do 2014, ( con máis cine, máis debates )...
Terémosvos informados. Mentras tanto, ollo á data: o 7 de decembro..."Os vellos non deben de namorarse".


REPRESALIADOS

Este sábado 30 de novembro abrimos en Viveiro a exposición "REPRESALIADOS" ( Na lembranza do comandante Moreno ), do pintor Celso Dourado. O acto de inauguración terá lugar ás 19 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior e nel, ademais do pintor intervirá o músico bielorruso Vadim Yukhnevich.
A mostra estará aberta ao público na primeira quincena do mes de decembro, de 19  a 20:30 horas.



Agora sabemos algo máis sobre a importancia económica da pesca...

A profesora Mª do Carme García Negro iniciou a súa intervención no acto informativo organizado polo noso Colectivo lembrando a súa colaboración coa antiga agrupación cultural Sementeira, no ano 1976. Pasou despois a fornecernos de datos que explican a importancia económica da actividade pesqueira na nosa comarca e en Galiza. “Ás veces, os datos publicados polos economistas minimizan o  importante impacto que ten a actividade pesqueira no noso país porque non teñen en conta ás mariscadoras, nen aos empregados en terra, nen aos traballadores de piscifactorías…” Destacou o medre económico rexistrado en Celeiro e en Burela “por riba—dixo—de calquer lonxa galega” e destacou que o 65% do PIB galego está nos concellos costeiros de Galiza. Para a investigadora os mariñeiros galegos souberon gardar o recursos, demostraron que saben pescar e que ademais teñen capacidade empresarial e organizativa”
A interesantísima aportación da doutora García Negro provocou entre as persoas asistentes un animado coloquio que serveu de peche a este acto informativo.



29/11/13

"A IMPORTANCIA DA PESCA NA ECONOMÍA GALEGA"

A economista Mª do Carme García Negro, profesora da USC e investigadora, intervirá nun acto informativo convocado polo noso Colectivo e que terá lugar este venres, 29 de novembro, ás 20:30 horas, na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.


28/11/13

David Bellas ponlle o ramo aos "Xoves Musicais"







David Bellas pecha este xoves 28  o ciclo XOVES MUSICAIS que se veu celebrando todos os xoves de novembro no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
A actuación dará comezo ás 20:30 horas e a entrada é libre até completar o aforo do local.



A profesora: Montse Expósito Cao