REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

07/03/15

UN DOCUMENTAL ITALIANO E UNHA CURTA DE PALESTINA PECHAN O CICLO "CINE ÁRABE PARA O MUNDO"







O vindeiro mércores 11 de marzo remata o ciclo de “Cine árabe para o mundo” que  o  noso colectivo , en colaboración coa Fundación Araguaney-Ponte de culturas,  programou dentro da súa programación cultural de inverno.

O documental “Shooting, Muhammad” de Francesco Cannito e Luca Casani ( Italia, 2009)  e a curtametraxe palestiniana  “Shwesh,Suez” de Riyad Deis pecharán o ciclo de películas sobre Palestina que se proxectaron durante os tres primeiros meses do ano no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro.

A sesión dará comezo ás 20 horas no salón de actos do IES María Sarmiento.

A entrada é libre ate completar o aforo.

25/02/15

O NOSO PRIMEIRO DEBATE DO ANO


O colectivo organiza o primeiro debate do ano.

PENSAMENTO E SEMENTEIRA convoca un debate arredor das posíbeis intervencións no areal de Covas que terá lugar este venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior.

Os cambios, acentuados agora por efeito das últimas vagas de mar e as transformacións producidas nos  últimos anos no medio, que ocuparon todo o sistema dunar, construíndo espigóns e canalizacións,   deron lugar a escaseza de area e ao desequilibrio da praia.

O porto de Celeiro diminuiu drásticamente a enerxía das ondas do mar que rompen no areal provocando a perda de area no sector occidental que é transportada lonxitudalmente de oeste a este.

Estes cambios e as posíbeis intervencións da Administración no areal  preocupan á veciñanza e é por iso que o colectivo organizador programou este debate ao que se convidou á Xefatura da Demarcación de Costas de Lugo. Como os representates de Costas decidiron  non intervir neste acto o colectivo organizador decidiu solicitar á alcaldesa de Viveiro que informase das propostas que a Demarcación lle ten presentado ao Concello.

No acto pois, ademais de María Loureiro, que o fai en representación do Concello, intervirán as seguintes persoas:

-Andrés Díaz Ferro, capitán de pesca e Práctico do porto de Celeiro.
-Alexandre García, especialista en bioloxía mariña e vogal do Litoral de ADEGA e
-J. Pino, capitán de pesca

O acto contará, ademais, coa proxección de vídeos e fotografías que ilustrarán sobre os cambios sufridos polo areal de Covas.

A entrada é libre até completar o aforo da sala.

21/02/15

"Jenin, Jenin"


“JENIN, JENIN” E “LESH SABREEN ?”




O mércores 25  e dentro do ciclo de cine #Palestina que organiza o nosocolectivo  en colaboración coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, proxectaranse en Viveiro dúas películas máis. Trátase do documental “Jenin, Jenin” e da curtametraxe “Lesh Sabreen ?”.

“Lesh sabreen?”, ( Muayad Alayan, 2009 ) é unha curtametraxe sobre unha xove parella do barrio palestino do oeste de Xerusalén que ten que se enfrentar a problemas económicos, actitudes conservadoras e ás consecuencias da ocupación israelí.

“Jenin, Jenin”,  ( Muhammad Bakri, 2002 ), espertou unha tormenta en Israel e até chegou ao Tribunal Supremo que tomou a decisión de prohibir a súa estrea. A película trata dos feitos de jenin en abril de 2002, cando o exército israelí invadiu o pobo de Cisxordania e o campo de refugiados como parte da chamada “Operación Escudo Defensivo”.

As proxeccións darán comezo ás 20 horas no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro.
A entrada é libre até completar o aforo da sala.



14/02/15

DEBATE ARREDOR DOS CAMBIOS NO AREAL DE COVAS


O  noso colectivo  xa ten data para a celebración do debate arredor do estado actual do areal de Covas. Será o venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas, na sala da Biblioteca Municipal de Viveiro, na Praza Maior.

 A modificación que está a sufrir o areal é motivo de preocupación para  a veciñanza. É por iso que PENSAMENTO E SEMENTEIRA organiza este debate no que intervirán as seguintes persoas:

-Alexandre García, biólogo.
-Andrés Díaz Ferro, práctico do porto de Celeiro.
-J. Pino, capitán de pesca.
-Tamén se cursou un convite para participar no debate á Demarcación de Costas de Lugo .

O acto será público , con entrada libre até completar o aforo da sala.

10/02/15

"GAZA-LONDRES" e "ESTA É A MIÑA TERRA, HEBRÓN"



Lembramos que este mércores 11 proxectaremos no IES María Sarmiento de Viveiro 2 películas máis do ciclo de cine #PALESTINA.

Ás 8 proxectarase, “GAZA-LONDRES”. É unha curta e dura 14 minutos.

Ás 8:15 dará comezo a proxección do documental  “ESTA É A MIÑA TERRA, HEBRÓN” (“This is my land, Hebron”). (72 minutos)

A entrada é de balde.

07/02/15

"ESTA É AMIÑA TERRA, HEBRÓN"




O documental “Esta é a miña terra, Hebrón” (“This is my land Hebron”,  Italia, 2010) de  Giulia Amati e Stephen Natanson e a curta “Gaza-Londres” de Dima Hamdam, (Reino Unido, 2009) serán as películas que se proxectarán en Viveiro na segunda sesión do ciclo # PALESTINA o vindeiro mércores 11 de febreiro. Esta mostra de cine, organizada polo noso Colectivo  patrocinado pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, vén desenvolvéndose  no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro, ás 20 horas, sendo a entrada libre até completar o aforo.  

O documental de  Giulia Amati e Stephen Natanson presenta a Hebrón, unha cidade de conflito e odio, un dos asentamentos israelís en Cisxordania, o único corazón dunha cidade palestina. O centro da cidade é agora o teatro dunha guerra entre veciños onde os principais obxectivos son conquistar un metro máis de cidade, manter a raia ao inimigo ou simplemente ficar no seu terreo.

Na curtametraxe  de Dima Hamdam, directora  naturalizada xordana aínda que orixinaria dunha familia palestina que foi expulsada de Gaza en 1948, coincidiendo con la fundación del Estado de Israel,  o protagonista Mahmoud está en Londres e a súa nai en Gaza, coincidindo co ataque masivon de 2008 levado  a cabo na Franxa .Desta terceira produción da súa autoría a directora ten Dito que “explica a destrución e a morte que conlevan os conflitos máis alá das noticias e das cifras”.   

26/01/15

Festa polo Galego

As asociacións: Queremos Galego, Colectivo Cultural Buril, de Burela; Asociación socio-cultural A Pomba do Arco, de Foz; Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros; Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo; Asociación Arrincadeira, de Riotorto; e Observatorio da Mariña pola Igualdade organizan en Foz


o vindeiro sábado 31 de xaneiro, a partir das 17h na sala Bahía de Foz, a FESTA POLO GALEGO con contacontos, chocolatada e concerto da Big Band de Foz.

16/01/15

Eu son Gaza


O Colectivo comeza a súa andaina neste 2015 programando un novo ciclo. Trátase de Mostra de cine#PALESTINA que achegamos a Viveiro grazas á Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e ao Festival  Internacional de cine euroárabe Amal.



 A primeira das 8 películas é o documental "Eu son Gaza" ( Xordania ) da directora Asma Beseiro que afonda na importancia histórica do período 2008-2009 co brutal ataque israelí sobre Gaza, ademais do seu impacto sobre Palestina. 
A película, rodada en Gaza, é posterior aos ataques e mostra as historias persoais que non abordaron os medios de comunicación, deixando ver o impacto potencial a longo prazo, tanto social como psicolóxico.
Nesa mesma sesión proxectaremos tamén a curtametraxe "Os nenos de Ibdaa" (Palestina).
O ciclo dará comezo o día 28 de xaneiro, ás 20 horas.
A entrada é libre até completar o aforo.
PROGRAMA


Mércores 28 de xaneiro de 2015:
20 horas.
Salón de Actos do IES María Sarmiento (VIVEIRO)
-"Eu son Gaza" (Documental)
-"Os nenos de Ibdaa" (Curtametraxe)
Mércores 11 de febreiro de 2015:
20 horas
Salón de Actos do IES María Sarmiento (VIVEIRO)
-"This is my Land Hebron" (Documental)
-"Gaza-Londres" (Curtametraxe)
Mércores 25 de febreiro de 2015:
20 horas
Salón de Actos do IES María Sarmiento (VIVEIRO)
-"Jenin, Jenin" (Documental)
-"Lesh Sabreen?" (Curtamentraxe)
Mércores 11 de marzo de 2015:
20 horas
Salón de Actos do IES María Sarmiento (VIVEIRO)
-"Shooting Muhammad" (Documental)
"Shwesh, shwwsh" (Curtametraxe)

15/01/15

Asemblea ordinaria do Colectivo




O pasado 14 de xaneiro as persoas asociadas tivemos a ocasión de reunírmonos na Asemblea de carácter ordinario para dar conta da nosa actividade durante o ano que vén de rematar e tamén para falar dos proxectos para este 2015.

Dentro duns días daremos comezo ás nosas actividades. A primeira delas consistirá nun novo ciclo de cine, onde proxectaremos 8 películas e que se desenvolverá durante o primeiro trimestre do 2015.

Tamén estamos a programar un debate arredor dos cambios nos areais da nosa costa. Entendemos que pode ser de interese tratar este asunto  cando se está a falar da posibilidade de construir un novo espigón na praia de Covas.

Nos vindeiros días daremos a coñecer a programación  do Colectivo para este primeiro trimestre do 2015.

24/12/14

Nunca choveu ( que non escampara )


Non queremos rematar o ano sen parabenizar a outros colectivos que tamén programan en Viveiro actividades ao longo de todo o ano. Desta volta o colectivo que escollemos para representar o activismo sociocultural en Viveiro  é a asociación de mulleres "Fraga das Saímas" da parroquia viveiresa de Santo Adré de Boimente.
Parabéns para Flor Chao,  a súa presidenta  e para todas as persoas asociadas a este colectivo.
E como agasallo ás persoas que seguen o noso Blogue, ofrecémoslles esta peza do CD "Bolboreta" de Lydia Botana, quen por certo actuou hai uns días na VII Festa de Nadal que organizou "Fraga das Saímas".
Que vos preste!

15/12/14

O mércores 17: sesión de cine


Ciclo de Cine "DIRIXIDO POR..."
Ignacio Vilar
"Pradolongo" (2012)

Mércores 17 de decembro de 2014
20:30 horas.
Salón de Actos do I.E.S. María Sarmiento

Entrada libre até completar o aforo.

11/12/14

"DIRIXIDO POR...Ignacio Vilar" o 17 de decembro


O Colectivo pon o ramo á programación do ano 2014 coa terceira sesión do ciclo de cine "Dirixido por..." A proxección será, como sempre no salón de actos do IES María Sarmiento o mércores 17 de decembro, ás 20:30 horas.

O director seleccionado para esta proxección é Xosé Ignacio Vilar Díaz (Petín de Valdeorras ,Ourense, 1951)   

Ignacio, productor e director, fundou en 1991 a productora Vía Láctea Filmes coa que levou a cabo diversas curtametraxes, e proxectos de longametraxes. Sen embargo, destaca polo seu labor documentalista en soporte vídeo (“Polisóns”, “A aldea”). Comezara a súa carreira como montador en Barcelona, cidade na que tamén foi profesor de cine a primeiros dos 80, na obra social da Caixa de Pensións de Cataluña. Desde 1983 traballa en Galicia. Ten desenvolvido tamén labores de guionista e realizador.

Premios e recoñecementos:
Gañou en 1989 o Premio Carlos Velo para guións de longametraxe, convocado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A súa obra “Polisóns” recibiu o Premio “Lobo de Cinema” ó mellor documental (A Coruña, 2001).

FILMOGRAFÍA

Ademais de A esmorga, o seu último traballo:

·         Vilamor (2012)
·         Pradolongo (2007)
·         Sempre Xonxa en Petín (2005)
·         Un bosque de música (2003)
·         Ilegal (2002)
·         A aldea: o antigo e o novo (2000)
·         Disonancias (2000)
·         Pintores da vangarda histórica galega(2000)
·         Vangarda histórica galega: Colmeiro(2000)
·         Polisóns (1999)
·         O cambio (2) (1997)
·         Edipo e Techné (1997)
·         Natureza (1997)
·         ¡Aproba! (1995)













10/12/14

"A ESMORGA" de Ignacio Vilar

Hai pouco tempo Viveiro perdeu as únicas salas de cine comercial. Pecharon e seica non volverán abrir. O peche case coincide coa estrea da película de Ignacio Vilar, "A esmorga" que segundo os medios de comunicación está tendo moi boa acollida por parte do público galego.
O noso Colectivo segue coa programación do ciclo de cine "Dirixido por...". Gostaríanos programar a proxección da última película de Ignacio Vilar, mais polo momento non vai ser posíbel.
Mentras tanto agasallámosvos co "Documentario da rodaxe de A ESMORGA".

07/12/14

ENGAIOLARTE presenta en Viveiro...



Organizada pola Editorial "Engaiolarte" teremos en Viveiro a  presentación dun libro que, polo anunciado, será ben distinta ao que vén sendo habitual nestes actos. Ademáis de Xan Carballa en representación da editorial e do autor dos textos, Lois Diéguez, participarán nesta presentación seis lectores lendo pequenos textos de "LUGO a cidade dos tesouros encantados".
Tamén se proxectará o vídeo do que hoxe vos ofrecemos un adianto.


25/11/14

22/11/14

Felipe Senén pechará as Xornadas sobre Lingua e Cultura





O vindeiro xoves 27  o arqueólogo e escritor Felipe Senén pechará as Xornadas sobre  Lingua e Cultura que se veñen celebrando  ao longo deste mes de novembro dentro da  programación do  noso Colectivo.

Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago. Entre os anos 1975 e 1996 foi director do Museo Arqueolóxico da Coruña. Desde 1996 é Técnico de Xestión Cultural e Museólogo da Deputación da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e do Instituto J. Cornide de Estudios Coruñeses. Tamén pertence ao Instituto Pai Sarmiento de Estudios Galegos e á Comisión de Patrimonio Cultural do Consello da Cultura Galega.
Fundador e presidente de "Amigos dos Museos de Galicia". Realizou cen proxectos e realizacións para a valoración do patrimonio cultural da provincia da Coruña. É conferenciante sobre temas de arte e etnografía por toda Europa e América. É autor de  múltiples publicacións sobre simboloxía, arte e arqueoloxía.
O relatorio de Felipe Senén titulado “Cultura galega: o estado da cuestión”  dará comezo ás 20:30 horas, na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal  de Viveiro, na Praza Maior. A entrada é libre até completar o aforo do local.

16/11/14

LOIS DIÉGUEZ: o uso do galego desde a perspectiva dun escritor


                                Fotografía: "LA OPINIÓN" (A Coruña)
O terceiro dos relatorios das “Xornadas sobre Lingua e Cultura” que se están a desenvolver en Viveiro organizadas polo Colectivo Pensamento e Sementeira estará a cargo do escritor Lois Diéguez Vázquez.
O escritor monfortino, colaborador de xornais e revistas, presidente da asociación Lugo-Patrimonio é un activo conferenciante e tamén un inquedo viaxeiro por paises de África, Europa e Asia. Da súa ampla obra literaria destacamos en narrativa, A canción do vagamundo (1986), Monólogos do espello (1993), Viaxe ás terras encantadas de Lemos (1999), A casa de Galiaz (2003), O canto do Muecín (2007), A poutada do oso (2011) ou a última das súas publicacións Lugo, a cidade dos tesouros encantados.
En poesía Albre de espranza (1996), O ferrro dos días (1982) ou Ónfalos (2001).
Lois Diéguez falará o xoves 20 de novembro do uso da lingua galega desde a perspectiva dun escritor. O relatorio dará comezo ás 20:30 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro. A entrada ao acto é libre até completar o aforo da sala.