O domingo 5 de xuño rematamos as "Camiñadas polas Terras de Viveiro" co roteiro:"Das covas de Covas ao Fociño do Porco".
Iniciaremos a camiñada na Área Etnográfica da Ínsua. Desde alí baixaremos á cova de San Xoán Vello.
Desta cova, J. Basoa Rodríguez ten escrito no libro-programa das Festas de Covas do ano 2012, o seguinte:
"Pero o máis salientable daquela Igrexa chamábase e así se di “Fuente de San Juan”, o que nos amosa que era verdade o que sempre se dixo que nela nacía un manantío. De esa fonte en 1708 cítanse os dous reais da compostura das escadas e da porta que conducían a ela . Ubicada, polo tanto nunha especie de pequena gruta que lle tería dado nome a un lugar ateigado de covas en cada recuncho da costa (cova Alta, cova do Pan, cova das Mazás, cova de Sobrado, cova das amoreiras, cova de Piedra Llana, cova do Cargadoiro, … ).
Temos polo tanto, unha humilde Igrexa nun adro de castiñeiros e cunha estimada fonte do Santo. ¿Que aconteceu para que en menos de 50 anos desde ter acometido esta importante obra de amaño houbese que abandoala e dar a mesma por arruinada?"
A RUINA DA ANTIGA IGREXA DE COVAS
A primeiros dos anos oitenta D. Antonino enviou os antigos libros parroquiais de Covas a Mondoñedo, pero quedaron marcadas páxinas con papeis separadores, calendarios perpetuos, e mesmo poemas nas páxinas máis destacadas en información. Podemos mesmo dicir que ao traballar os libros facemos unha lectura guiada dos mesmos. Así acontece co libro II de Fábrica de Covas, o 16 de outono de 1731 recóllese que “caió la Iglesia”. E cóntase o seguinte:
“la Iglesia parroquial de esta feligresía se alla arruinada y en sitio incapaz para su permanencia por estar sobre un peñasco elevado inmediato al mar”…
Na cartografía de 1787 , cítanse as dúas baterías con cañóns que se ubicaban na entrada da ría de Viveiro no lado de Faro e na beira contraria de Covas. As antigas Igrexas de Faro (conservada na actualidade) e a antiga de Covas, ubicábanse pola altura aproximada de entrada da ría destas baterías de defensa que sabemos que operaron cando a invasión francesa. Dalgún xeito ambas Igrexas tiñan unha ubicación estratéxica que dominaba a ría de Viveiro en ambas marxes do seu acceso. A postal da Igrexa de Covas nesa ubicación tivo que ser fermosa, pero tivo o infortunio de ubicarse excesivamente preto do mar e do espazo da súa erosión.
Logo dise que:
“cuias aguas le vienen carcomiendo y a peligro de desmoronarse con la continuación por ser costa mui brava, y allarse asi mismo muy umeda acausa de una fuente que naze dentro sin que pueda conservarse en ella el sacramento, y ornatos y mas alaxas, …”
A fonte nacía no interior da propia Igrexa o que nos leva a pensar nunha ubicación telúrica, de crenza máxica do propio templo, que responde as máis antigas tradicións, mesmo previas ó propio cristianismo. A fonte tería, sen dúbida adquirido un sentido á luz do Santo e do feito bautismal que apunta claramente ó ministerio do propio Xoán Bautista.
“… y espuesta a algún asalto de los enemigos de la fe católica y aquella ultragen y estar prohibidos por constitución sinodal de este obispado que no se tenga el santísimo en yglesias semexantes, y no poder hacerse las funciones de procesiones, y otras con la decencia que se debe ni la prompta administración de sacramentos por la incomodidad del sitio…”
Deberán ser os propios veciños, segundo se ordena, quenes decidirán un novo lugar convinte para reubicar a Igrexa. Non tivo que resultar doado para os poboadores de Escourido deixar de ter a Igrexa tan preto e permitir que o templo se lles escapara para a nova ubicación, pero non quedou outra. O lugar polo que se optou para o novo templo (o actual), estaba, por outra banda, moi preto da Capela da Concepción do Pazo de Grallal, o que unía entre sí moito os lugares de culto parroquial e facilitaría as cousas aos sacerdotes librándoos dos perigos dos camiños que levaban ata a Insua.
A Igrexa mindoniense mandou prontamente clausura da arruinada Igrexa ante o perigo que conlevaba. A súa imaxinería e os seus santos -entre eles o pequeno San Xoán, a actual cruz parroquial, as alaxas, vestiduras,…-, comezaron unha viaxe ata unha capela situada na Rega segundo a memoria das xentes, ainda que non figura citada na documentación consultada, na que so se sabe que era unha “capela”.