REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

18/05/13

VIVE VIVEIRO EN BICI ou BIVEIRO CON B DE BICI



VIVE VIVEIRO EN BICI
O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA está a programar unas actividades, a desenvolver durante o vindeiro mes de xuño, que teñen como obxectivo acadar  o que sería o primeiro carril bici en Viveiro. O colectivo contactará durante esta segunda quincena  de maio con asociacións  de Viveiro para recoller as propostas que poidan ter a respeito do trazado dunha ciclovía que facilite a utilización da bicicleta entre distintos puntos do concello e compatibilice este uso co dos peóns. Tamén se reclamarían aparcadeiros para bicicletas perto dos  edificios de uso público.
A campaña  iniciaríase  cunha biciFESTAción e coa recollida de sinaturas entre a veciñanza apoiando esta reclamación  para llas facer chegar ao Concello de Viveiro.
O Colectivo quer aclarar que o obxectivo desta iniciativa non é concretar este ou aquel trazado, pois ese é un labor que corresponde propór aos técnicos. Así o entendemos e asi se lle transmitirá ao movimiento asociativo de Viveiro que queira colaborar con PENSAMENTO E SEMENTEIRA nesta nova actividade.
 BIVEIRO CON B DE BICI

17/05/13

Así foi a Homenaxe a Hernán Naval

Choveu e o acto, convocado para celebrar diante da fachada principal do Teatro Pastor Diaz, tívose que celebrar a cuberto, na entrada do teatro. Alí falouse de Hernán Naval, de Roberto Vidal Bolaño e do Teatro.
O amigo Abella Albo recolleu todo isto no vídeo que vos ofrecemos nesta páxina.
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA agradece esta colaboración de Abella e tamén a do Grupo de Metais do Conservatorio Profesional de Música  e a do Concello de Viveiro.





12/05/13



LETRAS GALEGAS  2013
     
 Hai agora 25 anos, o músico HERNÁN NAVAL PARAPAR lanzou, sendo presidente da Agrupación Cultural SEMENTEIRA,  “unha campaña nacional de propaganda e de estímulo da povoación”—así o deixou  escrito—para lograr que o Teatro Pastor Diaz  fose patrimonio público.
E así foi.
Mentras o edificio do Teatro estivo en obras, SEMENTEIRA   programou  representacións teatrais en varios locais, privados e  públicos da vila. O café-bar Chipe ou os claustros de San Francisco acolleron representacións en pequeno formato  nas que actuaron, entre outros, actores como Roberto Vidal Bolaño a quen este ano se lle dedica o Día das Letras.
Roberto morreu cando só tiña 52 anos e Hernán deixounos aínda sen cumpir os 40. Os dous estaban no mellor da súas vidas creativas.
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA quer celebrar  o Día das Letras vinculando estes dous nomes co fermoso Teatro Pastor Diaz. É por iso que os convidamos ao acto de colocación dunha placa na fachada fo Teatro Pastor Diaz  onde actuará o Grupo de Metais do Conservatorio o videiro
                     martes día 14 de maio de 2013
                   ás 20 horas
Organiza:
-Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA
Colaboran:
-Grupo de Metais do Conservatorio Profesional de Música
- Concello de Viveiro

O primeiro debate que organizamos

O tempo que tiñamos destinado ao debate da nova lei de Educación resultou insuficiente aínda que o acto durou case dúas horas. Entre o público asistente, ensinantes, representantes da Asociacións de Nais e pais de Alumnos e persoas interesadas nun tema de actualidade que o xornalista, Félix Jorquera, director de Radio Burela, Crónica-3 e Terra Cha.Xa levou con mestría.
No Colectivo estamos a pensar xa en novos temas para debater. 
Agardamos as vosas suxestións.


30/04/13

A LEI DE EDUCACIÓN A DEBATE


A nova Lei de Educación ( LOMCE ) formará, como afirman os seus defensores, ao alumnado para acceder ao emprego? Será unha Lei equitativa e de calidade? É unha Lei sostible que aproveita os recursos nesta época de crise?.Ou pola contra a Lei de Mellora da Calidade Educativa vai, como sosteñen os seus detractores,  nun sentido oposto á calidade e avanza na privatización e mercantilización da Educación, recentralizando e uniformizando o sistema educativo? O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA quer achegar a Viveiro este tema de actualidade e é por iso polo que organiza o día 7 de maio un DEBATE  sobre A NOVA LEI DE EDUCACIÓN ao que convidaremos á Consellería de Educación, á Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos,  a un director dun Centro e á central sindical máis representativa do profesorado.
O acto terá lugar no salón de CAIXAGALICIA ( na rúa Pastor Diaz ), dará comezo ás 20:30 horas e estará moderado por un xornalista.
Até o día de hoxe temos confirmado a participación de:
-ABILIO CALVO LÓPEZ, vicepresidente de FAPACEL
-ANXO LOUZAO, secretario xeral da CIG-Ensino
-JUAN  PARDO GATO, director do I.E.S. María Sarmiento de Viveiro.
Tamén se cursou un convite á Consellaría de Educación da Xunta.



22/04/13

UNHA BOA ACOLLIDA










O venres pasado tivo lugar o primeiro dos actos organizado polo Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA. O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela foi o encargado de inaugurar a actividade deste novo colectivo coa charla informativa sobre "A crise económica e as estafas financieiras". Foi presentado pola presidenta da Xunta Xestora, Belén  González Martinez, que agradeceu a boa acollida xa que a asistencia encheu o Salón de Actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
Nos vindeiros días este colectivo dará a coñecer a programación das actividades que desenvolverá en Viveiro, sendo probabelmente unha delas un debate sobre a nova Lei de Educación.

17/04/13

A CRISE ECONÓMICA E AS ESTAFAS FINANCIEIRAS

Este é o título  co que  o Colectivo  PENSAMENTO E SEMENTEIRA incicia a  súa andaina.
Esta charla informativa estará a cargo do profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Bernardo Valdés Paços e terá lugar no Salón do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, na Travesía da Mariña, o vindeiro venres 19 de abril de 2013, ás 20:30 horas.

No Colectivo agardamos que este acto sexa do seu interese e queremos aproveitar este primeiro contacto para solicitarlles que todo aquel que o desexe nos propoña temas e actividades para tratar nos actos que poidamos organizar no futuro.



03/04/13

Se cadra este non é o mellor momento para botarmos a andar. As persoas que facemos parte da xunta xestora deste novo colectivo socio-cultural somos conscientes do que nos agarda. A Xunta  mantén  a supresión das axudas ao asociacionismo cultural e seguen os brutais recortes que estamos a sufrir os que non somos responsabeis da crise. Todo isto supón unha involución que  lembra a situación dos anos setenta, no franquismo, cando, nas peores condicións que se podían imaxinar, a aportación desinteresada dalgunhas persoas serviu para criar asociacións culturais que deron a coñecer o noso teatro, a historia, a literatura, o cine, a música…

As liña de actuación do colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA serán a defensa e promoción da nosa lingua e  cultura, a recuperación da historia , o coñecemento e valorización do noso patrimonio,  a difusión  doutras realidades do Estado, do mundo árabe, latinoamérica…Para iso organizaremos debates, charlas informativas, proxeccións, viaxes…

A nosa primeira actividade será un acto informativo sobre a  a actual situación finacieira (desfiuzamentos, estafas bancarias…) que terá lugar nos vindeiros días e que servirá de acto de presentación pública deste novo colectivo.

A Xunta Xestora