REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

11/11/14

SES intervén nas XORNADAS SOBRE LINGUA E CULTURA





Seguen as Xornadas sobre Lingua e Cultura que abriu en Viveiro a semana pasada o profesor e escritor Carlos Callón. Este xoves 13 de novembro   a cantautora Mª Xosé Silvar, máis coñecida como SES, intervirá na segunda sesión das Xornadas que están  organizadas polo colectivo Pensamento e sementeira.
Comezou a súa formación no baile e na música tradicional galega. Ademais diso, é mestra e licenciada en filoloxía galega e antropoloxía social.
Foi no ano 2007 cando creou o grupo “Chámalle Xis!” xunto con outros tres amigos. Foron un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son apadriñado por Santiago Auseron. Despois de máis de 30 concertos por toda Galiza con “ Chámalle Xis!” e logo de colaborar con grupos e artistas coma Zënzar, Xabier Díaz, Xosé Bocixa e Guillerme Fernández, en 2010 Sés gravou unha maqueta con tres temas “Tola atrás de ti”, “Admirando a condición” e “Se te vas”, producida por Airapro. En marzo de 2011 gravou o seu primeiro álbum de estudo chamado “Admirando a condición” e en 2013 presentou o segundo álbum “Co xenio destrozado”.  Esta cantautora ten actuado en varias ocasións na comarca e tamén en Viveiro.
Mª Xosé Silvar, SES, será a encargada do segundo dos relatorios destas Xornadas e falará sobre a súa experiencia como cantautora en galego,  e en feminino, con “letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario”
A intervención de SES dará comezo ás 20:30 horas na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal, na Praza Maior. A entrada é libre até completar o aforo..