CALLÓN, SES, DIÉGUEZ E FELIPE SENEN PARTICIPARÁN EN VIVEIRO NAS XORNADAS SOBRE LINGUA E CULTURA
O
vindeiro xoves día 6 de novembro o profesor, escritor Carlos Callón
abrirá en Viveiro as Xornadas sobre Lingua e Cultura que organiza o noso Colectivo.
Os relatorios terán
lugar na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro, na Praza Maior e darán comezo ás 20:30 horas. Nos seguintes xoves do mes de
novembro intervirán tamén: a cantautora Mª Xosé Silvar, SES; o escritor
Lois Diéguez e pechará estas xornadas o museólogo e escritor Felipe
Senén.
Carlos Callón, (Ribeira, 1978). Escritor, profesor e activista.
Profesor de Lingua e Literatura Galega en secundaria e pesquisador sobre
sociolingüística e literatura, materias sobre as cales é un
prolífico conferencista.
Entre os varios libros que publicou salientan os títulos Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011, premio Redelibros ), Amigos e sodomitas (2011, premio Vicente Risco e premio Fervenzas Literarias) e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012).
É presidente de Honra da Mesa pola Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza), entidade que presidiu entre 2002 e 2014.