REPRODUTOR DE MÚSICA

O Meu Pais - Miro Casabella
Loading the player...

24/06/13

Vídeo da BICICONCENTRACIÓN

Abella Albo envíanos un vídeo da BICICONCENTRACIÓN que o noso colectivo convocou o pasado 15 de xuño. Desde aquí queremos agradecer esta colaboración así como a de Hortensio, O home Orquestra de Viveiro que animou esta primeira actividade para reclamar o carril-bici

http://youtu.be/7PhTTYQucSI

23/06/13

POLAS COVAS DE COVAS

O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA celebrou á entrada do verán cun Paseo polas Covas de Covas.
Os participantes nesta actividade entraron na Cova da Doncela, na punta da Ínsua e baixaron despois á Cova de San Xoán Vello onde, segundo o cronista  Donapetry, estivo a primitiva igrexa de Covas.

O colectivo continuará nos vindeiros días recollendo asinaturas para reclamar un carril-bici e programará novas actividades das  que vos teremos informados.



21/06/13

A COVA DA DONCELA



Como anunciamos ao remate da Biciconcentración, o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA ten programada para este SÁBADO día 22, unha visita á Cova da Doncela.
O punto para iniciar este paseo será a Área Etnográfica da Ínsua.
O percorrido será arredor de 2 quilómetros ( ida e volta )
Vinde preparados con roupa e calzado adecuados. Para entrar na Cova hai que facelo por un furado.
Se participa algún neno ten que vir na compaña dun adulto.
A hora de saída será ás 18 horas desde A Ínsua.

Debido á data (próxima ao día de San Xoán ), e á hora do paseo é moi probábel que coincidamos alí coa Doncela.

08/06/13

Biveiro con B de Bici





A RECLAMACIÓN DO CARRIL-BICI COMEZA EN VIVEIRO CUNHA BICICONCENTRACIÓN.
A SOLICITUDE DUNHA CICLOVÍA PARA VIVEIRO XA TEN LOGOTIPO.
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA dará comezo á campaña para reclamar un carril-bici o vindeiro sábado día 15 de xuño. Ese día, ás 12 da mañá, convoca unha primeira Biciconcetración no Paseo Marítimo, diante do Parque de Cantarrá. Alí darase lectura ao manifesto que será espallado entre a viciñanza para recoller sinaturas de apoio á proposta de deseño e construcción dunha infraestrutura para a circulación de bicicletas que conecte a Vila con distintas parroquias do concello.
O colectivo mantivo xa unha primeira reunión con asociacións de Viveiro e seguirá recollendo nos vindeiros días ideas e propostas para facer chegar ás Administracións Públicas—Concello,   Xefatura de Costas e Grupo de Portos—a  reclamación dunha primeira ciclovía para un concello onde tanto se ten investido en paseos marítimos e fluviais e que non conta nen con un só metro de carril-bici.
O Colectivo convoca ás persoas que participen neste primeiro acto para que acudan a esta  biciconcentración coa súa bicicleta.

18/05/13

VIVE VIVEIRO EN BICI ou BIVEIRO CON B DE BICI



VIVE VIVEIRO EN BICI
O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA está a programar unas actividades, a desenvolver durante o vindeiro mes de xuño, que teñen como obxectivo acadar  o que sería o primeiro carril bici en Viveiro. O colectivo contactará durante esta segunda quincena  de maio con asociacións  de Viveiro para recoller as propostas que poidan ter a respeito do trazado dunha ciclovía que facilite a utilización da bicicleta entre distintos puntos do concello e compatibilice este uso co dos peóns. Tamén se reclamarían aparcadeiros para bicicletas perto dos  edificios de uso público.
A campaña  iniciaríase  cunha biciFESTAción e coa recollida de sinaturas entre a veciñanza apoiando esta reclamación  para llas facer chegar ao Concello de Viveiro.
O Colectivo quer aclarar que o obxectivo desta iniciativa non é concretar este ou aquel trazado, pois ese é un labor que corresponde propór aos técnicos. Así o entendemos e asi se lle transmitirá ao movimiento asociativo de Viveiro que queira colaborar con PENSAMENTO E SEMENTEIRA nesta nova actividade.
 BIVEIRO CON B DE BICI

17/05/13

Así foi a Homenaxe a Hernán Naval

Choveu e o acto, convocado para celebrar diante da fachada principal do Teatro Pastor Diaz, tívose que celebrar a cuberto, na entrada do teatro. Alí falouse de Hernán Naval, de Roberto Vidal Bolaño e do Teatro.
O amigo Abella Albo recolleu todo isto no vídeo que vos ofrecemos nesta páxina.
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA agradece esta colaboración de Abella e tamén a do Grupo de Metais do Conservatorio Profesional de Música  e a do Concello de Viveiro.





12/05/13



LETRAS GALEGAS  2013
     
 Hai agora 25 anos, o músico HERNÁN NAVAL PARAPAR lanzou, sendo presidente da Agrupación Cultural SEMENTEIRA,  “unha campaña nacional de propaganda e de estímulo da povoación”—así o deixou  escrito—para lograr que o Teatro Pastor Diaz  fose patrimonio público.
E así foi.
Mentras o edificio do Teatro estivo en obras, SEMENTEIRA   programou  representacións teatrais en varios locais, privados e  públicos da vila. O café-bar Chipe ou os claustros de San Francisco acolleron representacións en pequeno formato  nas que actuaron, entre outros, actores como Roberto Vidal Bolaño a quen este ano se lle dedica o Día das Letras.
Roberto morreu cando só tiña 52 anos e Hernán deixounos aínda sen cumpir os 40. Os dous estaban no mellor da súas vidas creativas.
O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA quer celebrar  o Día das Letras vinculando estes dous nomes co fermoso Teatro Pastor Diaz. É por iso que os convidamos ao acto de colocación dunha placa na fachada fo Teatro Pastor Diaz  onde actuará o Grupo de Metais do Conservatorio o videiro
                     martes día 14 de maio de 2013
                   ás 20 horas
Organiza:
-Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA
Colaboran:
-Grupo de Metais do Conservatorio Profesional de Música
- Concello de Viveiro

O primeiro debate que organizamos

O tempo que tiñamos destinado ao debate da nova lei de Educación resultou insuficiente aínda que o acto durou case dúas horas. Entre o público asistente, ensinantes, representantes da Asociacións de Nais e pais de Alumnos e persoas interesadas nun tema de actualidade que o xornalista, Félix Jorquera, director de Radio Burela, Crónica-3 e Terra Cha.Xa levou con mestría.
No Colectivo estamos a pensar xa en novos temas para debater. 
Agardamos as vosas suxestións.


30/04/13

A LEI DE EDUCACIÓN A DEBATE


A nova Lei de Educación ( LOMCE ) formará, como afirman os seus defensores, ao alumnado para acceder ao emprego? Será unha Lei equitativa e de calidade? É unha Lei sostible que aproveita os recursos nesta época de crise?.Ou pola contra a Lei de Mellora da Calidade Educativa vai, como sosteñen os seus detractores,  nun sentido oposto á calidade e avanza na privatización e mercantilización da Educación, recentralizando e uniformizando o sistema educativo? O Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA quer achegar a Viveiro este tema de actualidade e é por iso polo que organiza o día 7 de maio un DEBATE  sobre A NOVA LEI DE EDUCACIÓN ao que convidaremos á Consellería de Educación, á Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos,  a un director dun Centro e á central sindical máis representativa do profesorado.
O acto terá lugar no salón de CAIXAGALICIA ( na rúa Pastor Diaz ), dará comezo ás 20:30 horas e estará moderado por un xornalista.
Até o día de hoxe temos confirmado a participación de:
-ABILIO CALVO LÓPEZ, vicepresidente de FAPACEL
-ANXO LOUZAO, secretario xeral da CIG-Ensino
-JUAN  PARDO GATO, director do I.E.S. María Sarmiento de Viveiro.
Tamén se cursou un convite á Consellaría de Educación da Xunta.



22/04/13

UNHA BOA ACOLLIDA










O venres pasado tivo lugar o primeiro dos actos organizado polo Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA. O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela foi o encargado de inaugurar a actividade deste novo colectivo coa charla informativa sobre "A crise económica e as estafas financieiras". Foi presentado pola presidenta da Xunta Xestora, Belén  González Martinez, que agradeceu a boa acollida xa que a asistencia encheu o Salón de Actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
Nos vindeiros días este colectivo dará a coñecer a programación das actividades que desenvolverá en Viveiro, sendo probabelmente unha delas un debate sobre a nova Lei de Educación.

17/04/13

A CRISE ECONÓMICA E AS ESTAFAS FINANCIEIRAS

Este é o título  co que  o Colectivo  PENSAMENTO E SEMENTEIRA incicia a  súa andaina.
Esta charla informativa estará a cargo do profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Bernardo Valdés Paços e terá lugar no Salón do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, na Travesía da Mariña, o vindeiro venres 19 de abril de 2013, ás 20:30 horas.

No Colectivo agardamos que este acto sexa do seu interese e queremos aproveitar este primeiro contacto para solicitarlles que todo aquel que o desexe nos propoña temas e actividades para tratar nos actos que poidamos organizar no futuro.



03/04/13

Se cadra este non é o mellor momento para botarmos a andar. As persoas que facemos parte da xunta xestora deste novo colectivo socio-cultural somos conscientes do que nos agarda. A Xunta  mantén  a supresión das axudas ao asociacionismo cultural e seguen os brutais recortes que estamos a sufrir os que non somos responsabeis da crise. Todo isto supón unha involución que  lembra a situación dos anos setenta, no franquismo, cando, nas peores condicións que se podían imaxinar, a aportación desinteresada dalgunhas persoas serviu para criar asociacións culturais que deron a coñecer o noso teatro, a historia, a literatura, o cine, a música…

As liña de actuación do colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA serán a defensa e promoción da nosa lingua e  cultura, a recuperación da historia , o coñecemento e valorización do noso patrimonio,  a difusión  doutras realidades do Estado, do mundo árabe, latinoamérica…Para iso organizaremos debates, charlas informativas, proxeccións, viaxes…

A nosa primeira actividade será un acto informativo sobre a  a actual situación finacieira (desfiuzamentos, estafas bancarias…) que terá lugar nos vindeiros días e que servirá de acto de presentación pública deste novo colectivo.

A Xunta Xestora